Os asistentes recibirán un exemplar do Galinux xunto coa documentación do relatorio

A Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial SITE pertencente á Fundación da Confederación de Empresarios de Lugo organiza o vindeiro xoves 28 de maio un relatorio sobre software libre dirixido ao sector empresarial lugués. A charla, “Vantaxes competitivas dunha infraestrutura informática libre na empresa”, será impartida por Roberto Brenlla, economista e membro activo da comunidade de software libre en Galicia.
A xornada, que terá lugar ás 19 horas no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, fará un percorrido polos fundamentos das tecnoloxías libres e abertas afondando nas causas do seu éxito, sobre todo en momentos de crise como o actual. Segundo isto, os obxectivos do encontro centraranse en achegarlles aos asistentes as vantaxes reais que implica o uso do software libre na realización das tarefas cotiás da empresa, dende criterios de rendibilidade económica como de independencia tecnolóxica.
Mancomún participará destes obxectivos fornecendo exemplares do Galinux, que serán distribuídos entre todos os asistentes. Con este completo sistema operativo libre e en galego, as persoas máis alleas ao mundo do software libre poderán verificar da súa propia man os valores comentados na charla e iniciárense nos aplicativos libres para o funcionamento básico e habitual de calquera empresa (ofimática, multimedia…)
A charla está enmarcada no proxecto ETIC 2009, pola que xa se están a impartir outros obradoiros vencellados ao software libre e ás novas tecnoloxías. A asistencia a este relatorio, como aos outros previstos, requirirán de inscrición previa que, ademais, dará opción a participar no sorteo dun Netbook Asus Eee pc 901.
Roberto Brenlla
Roberto Brenlla é un dos membros máis activos da comunidade galega de software libre. Economista con formación superior en Dirección de Empresas, foi o socio fundador (2003) e presidente de AGNIX (Asociación de Software Libre) ata xullo de 2006, ademais do promotor dunha distribución GNU/Linux en galego, posteriormente coñecida como GNIX.
Fervente defensor do software libre como instrumento de independencia tecnolóxica para as empresas, é autor de infinidade de artigos, documentacións e novas sobre esta materia en AGNIX.org, así como colaborador noutras publicacións electrónicas nacionais e internacionais.
O seu labor a prol da difusión do software libre é moi extensa: promotor das xornadas de achegamento ao SwL en distintos concellos galegos, membro organizador das “I Xornadas de SwL para o Ensino Secundario”, relator na Conferencia Internacional de Software Libre de Badaxoz e Málaga e no Fórum Internacional de Software Livre de Lisboa e Luanda (Angola)- con motivo do cal foi entrevistado por Mancomún.
En 2004 funda a empresa Tegnix, consultora tecnolóxica e informática especializada en integración de solucións libres/abertas en empresas e organizacións.
