Hai preto dun ano, faciámonos eco da decisión do consello da cidade de Roma de que todo o novo software adquirido fose Software Libre.
Pois ben, pasado un ano dende a aprobación da proposta, o plan de implantación semella levar un rumbo estable e ir a bo ritmo. En palabras da propia concelleira que propuxo o xerme da proposta, Flavia Marzano:
Ata o de agora, aproximadamente un terzo dos gastos en TIC levados a cabo pola cidade de Roma distribúese soamente entre seis provedores, dos cales algúns levan operando coa Administración pública dende hai máis de 30 anos.
A nosa decisión de porfillar o Software Libre mana da vontade de poñer fin á situación oligárquica que existe hoxe en día na industria TIC. Se ben temos en conta que a transición require tempo e que é gradual, a intención é a de facer un cambio de paradigma que sexa decisivo, mediante o emprego de solucións libres e abertas e formas de fomentar unha verdadeira confrontación competitiva entre os diferentes provedores.
A principios deste ano, a cidade completou un inventario de todas as solucións baseadas en servidores e aplicacións de escritorio en uso, para axudar a preparar solución por solución, o paso a unha alternativa de código aberto. Os xestores de solicitudes e contratos encargaranse de asegurarse que os vendedores de TIC e os provedores de servizos establezan alternativas e suxiren o mellor enfoque. Aumentar esta conciencia é un dos pasos máis importantes indican dende o consello da capital de Italia.
Como unha das primeiras mostras de avance, a suite ofimática LibreOffice xa está a ser instalada e empregada en todas as estacións de traballo. Trátase dun montante de uns 14.000 equipos en toda a cidade. Cada día, a devandita suite de código aberto acada a instalarse en 100 estacións de traballo máis.
Unha das medidas consiste en medir o uso real das ferramentas ofimáticas. Aqueles traballadores que fagan un uso pouco intensivo das mesmas, serán enerxicamente animados para cambiar a LibreOffice sen demora. Pola contra, persoas que empreguen de maneira intensiva, non serán forzados ao cambio. Sabemos que os cambios de ferramenta forzados pode xerar unha grande resistencia nos usuarios. Isto levará tempo.
En 2018, Roma executará un piloto para probar o uso de estacións de traballo con Linux. O persoal de soporte de TIC xa ten moita experiencia con servidores e estacións de traballo Linux, polo que deberían ser quen de axudar a resolver os posibles problemas que, de seguro, xurdirán nos usuarios menos versados.
O departamento de TIC apoia o proceso iniciado polo consello de Roma: Estamos traballando en estreita colaboración, porque sen o seu apoio o cambio non vai ocorrer.
