Ás autoridades rusas xa hai tempo que veñen amosando a súa preocupación polo uso masivo dun software privativo producido por unha compañía estadounidense; considerándoo unha vulnerabilidade, xa que unha compañía estranxeira está a influenciar o futuro do país, empezando pola escola e seguindo coa inercia até chegar á xestión de calquera pobación ou cidade. Por esta razón, as autoridades rusas comezaron a poñer en marcha distintas iniciativas para modificar esta situación de dependencia tecnolóxica.
Unha delas é o cambio dos produtos Microsoft empregados na maioría das escolas por produtos de código aberto, incluíndo Linux e OpenOffice.org. Así, nas escolas comezaron a recibir xa CD con estes aplicativos para que poidan ser instalados nos seus equipos.
Mais as autoridades rusas, conscientes de que isto non é nin moito menos suficiente, decidiron reforzar a actuación incidindo na formación dos profesores, peza clave para o éxito do emprego efectivo do software libre no ensino.
O Ministerio de Educación decidiu asignar un orzamento de 4 millóns de dólares para contratar a formación do profesorado en software libre. A compañía que gañe a licitación será responsable de formar tanto de forma presencial como en liña (cando non sexa posible facelo de formación presencial) a 60.000 profesores rusos. Ao finalizar a formación, os profesores deberán demostrar o aproveitamento da formación mediante un exame (calcúlase que para finais de 2009 ou comezos de 2010).
Fonte: DiarioLinux
