Sabela Ramos e Carlos López gañadores do III premio ao mellor PFC con SwL

Mércores, 18 Novembro 2009

Durante a tarde de onte, no salón de grados da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, celebrouse a final do premio ao mellor proxecto de fin de carreira con software libre, organizado por Igalia.

O xurado do premio, nesta ocasión, enfrontouse a unha complicada decisión para escoller o mellor de entre os 9 finalistas, debido a alta calidade dos proxectos presentados, o que fixo que outro ano máis, fose necesaria a concesión do accésit.

Durante aproximadamente 3 horas, os finalistas fixeron unha breve exposición do traballo realizado no seu proxecto, dos logros acadados, das perspectivas de futuro así como dos aspectos do seu proxecto relacionados co software libre, seguida dunha intensa rolda de preguntas dos membros do xurado, mostra do interese espertado polos traballos.

Segundo se indicaba nas bases do concurso os criterios de valoración incluían non só a calidade técnica do proxecto, senón tamén o nivel de actividade pública do PFC valorándose a publicación continua do traballo, a colaboración con outros proxectos de software libre, a correcta elección dunha licenza libre… Como recordou o xurado no momento de dar a coñecer o seu fallo, este premio non trata só de recompensar a un proxecto tecnicamente bo, senón a un bo proxecto de software libre.

Aínda que a decisión foi complicada, o aspecto que finalmente desequilibrou a balanza en favor do proxecto gañador foi a súa integración con outro proxecto libre xa existente e que a súa actividade pública foi lixeiramente superior ao do segundo premiado.

O fallo unánime do xurado fixo recaer o premio dotado con 1000€ en

Sabela Ramos Garea, co seu proxecto de fin de carreira de Enxeñaría Informática na UDC, Optimización das comunicacións colectivas en paso de mensaxes en Java en sistemas multicore.

Neste proxecto, Sabela optimizou as funcións que implementan as operacións colectivas de paso de mensaxes en Java e integrou a súa biblioteca no proxecto MPJ Express, un dos máis empregados en Computación de Altas Prestacións (HPC) en Java. A biblioteca, con licenza MIT, licenza do proxecto MPJ Express, está accesible na forxa de Mancomún como Biblioteca de primitivas colectivas de paso de mensaxes en sistemas multi-core e foi presentada nas XX Xornadas de Paralelismo celebradas o pasado setembro na Facultade de Informática de A Coruña.

O accésit, dotado con 500€, foi para:

Carlos Alberto López Pérez, co seu proxecto de fin de carreira da Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas na UDC titulado, UGABI: Ubalda Gestión de Ancho de Banda Inalámbrico, dispoñible na Forxa con licenza GPL Este proxecto foi desenvolvido cunha bolsa FEUGA na empresa Ubalda Ingeniería SL.

UGABI, é un completo sistema para facer de hotspot en lugares públicos e poder ofrecer así conexión sen fíos a múltiples usuarios, que terán limitado o largo de banda de subida e baixada (segundo teña contratado) e tamén o acceso ao sistema ata unha data límite ou ata acadar o tráfico de datos contratado. Un par de aspectos que o sistema tamén ten en conta, de especial importancia para os usuarios, é que en todo momento se fai un control da calidade do servizo proporcionado, tratando sempre de optimizalo, e ademais proporciona varias posibilidades de conexión segura a Internet (VPN e WPA-PEAP).

O sistema está construído tomando como base CANSAS, con licenza GPL, desenvolvido no ano 2005 por Igalia. Por esta razón, a licenza escollida para UGABI é tamén GPL.

A actividade pública relacionada UGABI, polo momento, limitouse a poñer dispoñible o sistema a través da Forxa, aínda que está previsto implantar un modelo de negocio baseado en servizos, asistencia e personalización do proxecto para adecualo ás necesidades do cliente, para o que se creará unha comunidade en ugabi.com

O resto de proxectos presentados ao premio foron tamén dunha calidade excelente, e están todos dispoñibles na forxa:

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal