- Dúas das principais demandas recollidas nas conclusións do I Encontro Ibérico de Tradutores de Software Libre a Linguas Minorizadas son a necesidade de maior apoio institucional e o relevo xeracional.
- A dispoñibilidade de software libre na nosa lingua non é algo que se obtén maxicamente, é froito do traballo e esforzo altruísta de pequenos grupos de voluntarios.
- O asentamento terminolóxico é un dos aspectos no que as autoridades lingüísticas poden contribuír coas comunidades de tradución de software libre.

Como informamos no seu día, a fin de semana do 4-5 de outubro celebrouse na cidade de Santiago de Compostela o I Encontro Ibérico de Tradutores de Software Libre a Linguas Minorizadas. Durante dous días os grupos de voluntarios que fan posible que Firefox, Libreoffice, Ubuntu e moitos máis aplicativos estean dispoñibles en Asturiano, Aragonés, Catalán, Galego e Eusquera debateron e traballaron conxuntamente para por en común os seus métodos de traballo e fortalezas a fin de detectar posibles sinerxías e tamén as súas problemáticas para detectar problemas comúns que poidan resolver colectivamente de forma máis eficaz.
Uns días despois de rematado o encontro, publicaron as conclusións do mesmo nun documento conxunto, que pode consultarse no web deste I Encontro Ibérico de Tradutores de Software Libre a Linguas Minorizadas. A continuación recollemos as principais demandas e conclusións, recomendando en calquera caso unha lectura íntegra do documento orixinal.
Sangue novo e relevo xeracional
A maioría dos tradutores teñen arredor de 10 anos de traballo voluntario detrás e teñen certa inquedanza ao ver que non hai un fluxo de xente nova que poida dar relevo aos voluntarios que por cansazo, enfermidade, motivos laborais, persoais ou familiares, precisen minorar o tempo adicado a ou mesmo ceder completamente as súas responsabilidades por falta de tempo. É importante resaltar que esta labor é voluntaria e totalmente altruísta, desenvolvida principalmente roubando tempo ao seu lecer ou mesmo á súa familia, cuestións que normalmente é complexo manter de forma continuada no tempo.
En palabras de Miguel Bouzada, coordinador deste I Encontro, e vicepresidente da Asociación Cultural Proxecto Trasno, nunha entrevista concedida ao xornal Praza.com “Ningunha comunidade de tradutores de software libre en ningunha lingua de España recibe compensación económica pública por traducir. En realidade todos poñemos diñeiro, tempo, recursos persoais a disposición. Non se debe confundir con que para publicar un manual gratuíto para a xente ou realizar unha xornada de formación de alumnos universitarios ou para reunirnos nunha xornada de divulgación e traballo nas que sempre ofrecemos apoio a calquera que se achegue solicitemos unha axuda ordinaria como calquera asociación cultural ou de pais ou de autónomos.”
Apoio institucional das autoridades lingüísticas
Un dos aspectos máis importantes á hora de traducir software é como enfrontarse á terminoloxía co fin de manter a consistencia e calidade das traducións, e especialmente cando estamos a falar de nova terminoloxía.
Neste eido o encontro puxo de manifesto a enorme diferenza que existe entre o apoio que reciben por parte das autoridades lingüísticas os grupos Softcatalà e Softastur respecto dos demais. Estes equipos teñen un apoio técnico constante e fluído das súas autoridades lingüísticas de modo que non teñen necesidade de desenvolver procesos de creación, discusión e seguimento terminolóxico. No caso concreto da comunidade de tradución ao galego, xa temos falado das Trasnadas, as reunións periódicas de debate e asentamento terminolóxico e da súa contribución ao asentamento da lingua galega nas novas tecnoloxías.
Neste senso, teñen certa preocupación pola aparición de plataformas de tradución masiva e colaborativa de software social e popular como Facebook ou Twitter, onde consideran interesante que se incorporase a posibilidade de veto de traducións manifestamente incorrectas por parte de referencias lingüísticas. Para o establecemento destes elementos de referencia é vital o apoio institucional público (político-administrativo, lingüístico e dos medios de comunicación)
Visibilidade social do traballo de tradución de Software Libre
As conclusións do encontro, tamén recollen algunhas posibles solucións para atallar ou reducir os problemas detectados. Unha delas é traballar para incrementar a visibilidade social do traballo levado a cabo.
Todos os equipos están de acordo, en que un dos principais problemas á hora de captar xente nova é que non se percibe esta necesidade de dispoñer de novos colaboradores. A xente nova con preocupación por dispoñer de software na súa lingua atopa habitualmente o software fundamental traducido ao seu idioma, cunha excelente calidade, e ao mesmo tempo que saen as novas versións, co que considera isto como “tema resolto”.
Así pois considérase urxente crear conciencia social de que as cousas boas, como ter o software na nosa lingua, non acontecen soas. Non son algo que aparece por arte de maxia, senón que é froito do traballo e esforzo altruísta de pequenos grupos de voluntarios.
Estes grupos precisan novos voluntarios se non queremos caer no risco de que o software libre deixe de estar na nosa lingua. Mais non só se precisa xente técnica ou geeks ou profesionais da lingua, senón tamén é importante a colaboración dende outras áreas. Por exemplo, en palabras de Miguel Bouzada “Estariamos encantados de que alguén que quixese facer as súas prácticas profesionais de deseño, márquetin, comunicación social, dereito, atención ao cliente, etc. se prestase. Temos un produto excelente do que informar en calquera medio e plataforma, porque o software libre está por todas partes."
Esta actividade forma parte das actividades que Proxecto Trasno realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.
