Mancomún

Santiago acolle esta fin de semana o I Encontro ibérico de tradutores de Software Libre

Martes, 30 Setembro 2014
  • Pascal Chevrel, o responsable de internacionalización de mozilla.org, asistirá ao I Encontro ibérico de tradutores de Software Libre a linguas minorizadas.
  • Os días 4 e 5 de outubro Santiago de Compostela acolle este primeiro encontro baixo o lema “Porque acceder á tecnoloxía no noso idioma é un dereito!
  • Galicia, Asturias, Aragón, Euskadi e Cataluña estarán representadas neste encontro de grupos nacionais de tradución de software a linguas minorizadas.

Banner do Encontro Ibérico de tradutores de software libre

Esta fin de semana reuniranse en Santiago de Compostela por primeira vez todos os grupos de tradutores de Software Libre ás linguas minorizadas, ou en risco de desaparición, da península ibérica: SoftAstur, Librezale, SoftAragonés e SoftCatalá, exercendo Proxecto Trasno de anfitrioa deste primeiro encontro.

A organización informa que ademais dos integrantes dos devanditos grupos de tradución, asistirá tamén algún membro de equipos de tradución extrapeninsulares, como é o caso do Francés representado por Pascal Chevrel, quen ademais é o responsable de internacionalización de mozilla.org, quen contribuirá á posta en común para a mellora dos procesos de traballo destas comunidades de tradución.

A Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega, estará tamén presente neste encontro, para escoitar as demandas e necesidades da comunidade de tradución de software libre de Galicia.

Os obxectivos principais deste encontro son:

  • Posta en común da problemática coa que se atopan na súa labor os grupos de tradución de Software Libre a linguas minorizadas.
  • Sentar as bases dunha relación de colaboración, a través da que se unan as forzas, se poñan en común recursos, que permitan mellorar o rendemento e a calidade dos traballos.

Así ao longo destes dous días debaterase e intercambiaranse coñecementos sobre diversos temas relacionados coa tradución de software libre, especialmente nos seguintes proxectos pero sen limitarse a eles: Mozilla, LibreOffice e Apache OpenOffice e Debian GNU/Linux.

Ademais celebraranse obradoiros ou mesas redondas sobre as temáticas:

O programa completo está dispoñible no web do Encontro.

Dende aquí animamos a todas as persoas interesadas na nosa lingua, e especialmente na tradución de software a ela, independentemente de que pertenza xa a algún grupo de tradución ou non, a achegarse esta fin de semana ata Santiago de Compostela.

Lembramos que a asistencia é libre e gratuíta, sendo só preciso inscribirse previamente a través do formulario de inscrición.

Esta actividade forma parte das actividades que Proxecto Trasno realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal