Como xa anunciaron en febreiro ao publicar a primeira convocatoria de patrocinio de eventos para o ano 2010, CENATIC convoca agora unha segunda quenda para optar ao patrocinio de eventos da comunidade do software libre, conscientes de que estes forman parte da vida das comunidades e teñen unha enorme relevancia para elas.
Á primeira convocatoria presentáronse máis de 25 solicitudes das que só puideron ser escollidas 7, entre as que se atopa a galega Igalia co seu Premio ao mellor proxecto de fin de carreira con software libre.
Esta segunda convocatoria abrirase mañá xoves 10 de xuño e, ao igual que a primeira, está aberta á participación de persoas xurídicas, españolas ou estranxeiras, a título individual ou en agrupación ou unión temporal, con plena capacidade de obrar que non se atopen incursas nalgunha das prohibicións de contratar establecidas no artigo 20 da Lei de Contratos das Administracións Públicas que desenvolvan actividades relacionadas co impulso do uso do TIC no ámbito do Software de Fontes Abertas. As entidades que soliciten un patrocinio deberán estar ao corrente das súas obrigacións coa Administración Tributaria e coa Seguridade Social.
Baixo esta convocatoria, CENATIC patrocinará eventos de toda índole celebrados en España (cursos, conferencias, coloquios, seminarios, reunións científicas…) co fin de promocionar e difundir o uso do software libre.
As entidades interesadas en participar nesta convocatoria deberán remitir o formulario incluído no ANEXO I, que se publicará na convocatoria no perfil do contratante de CENATIC, xunto con toda a información complementaria que se considere oportuna aos efectos de acreditar o cumprimento dos requisitos e criterios de valoración da Convocatoria e unha declaración responsable de que a entidade solicitante non está incursa en prohibición de contratar coa Administración e está ao corrente das súas obrigacións tributarias e para coa Seguridade Social. As solicitudes deben remitirse á dirección de correo electrónico: patrocinios at cenatic dot es
O prazo de presentación de solicitudes remata dúas semanas despois da data de publicación, prevista para mañá xoves 10 de xuño.
Fonte: CENATIC
