O sábado 13 de abril terá lugar a segunda sesión do hackatón Coruña Hacks no Centro Ágora da Coruña ás 10:00.
Coruña Hacks é unha serie de hackatóns que se comezaron a celebrar na Coruña dende hai dous anos. No portal de Mancomún xa temos anunciado estas actividades en varias ocasións.
Esta edición de Coruña Hacks consta de 3 hackatons. No primeiro, celebrado o 9 de marzo, escolléronse varios proxectos para traballar neles durante as tres sesións.
Durante a seguinte sesión os equipos de traballo continuarán desenvolvendo os proxectos escollidos.
Proxectos escollidos
- OpenSmartFitness: Unha plataforma libre para recoller e xestionar a información persoal sobre o exercicio físico realizado a través de sensores tamén libres como unha pulseira ou un velocímetro para a bici. Forxa do proxecto.
- subastasAEAT: Unha aplicación para buscar no BOE as diversas subastas que realiza a AEAT e poder facer algún procesamento interesante sobre estes datos. Forxa do proxecto.
- Web e infraestructura de Coruña Developers: Trátase dunha páxina web que aglutine a comunidade tecnolóxica, libre e makers da Coruña e comarca con un calendario que aglutine todos os eventos relacionados. Forxa do proxecto.
Para participar en Coruña Hacks é suficiente con acudir o día do evento e xuntarse a un dos proxectos xa comezados ou incluso se houber xente suficiente interesada en abrir outro proxecto tamén se podería comezar o seu desenvolvemento. A organización agradece a inscrición na páxina do evento de meetup para saber de antemán o número de asistentes.
Coruña miniHacks
Esta edición de Coruña Hacks trouxo como novidade unha versión do evento para a mocidade entre 8 e 16 anos onde se forman grupos e aprenden a programar e desenvolver xogos e aplicacións utilizando principalmente Scratch, pero quedando aberto a outras linguaxes e plataformas como Python ou Arduino.
O evento de Coruña miniHacks do sábado 13 de abril será de 11:00 a 14:00 e para inscribirse é necesario acudir a esta páxina web e seguir as instrucións.
