- A Rede de dinamización da sociedade da información, da Consellaría de Innovación e Industria, celebra hoxe día 22 de xaneiro o seu segundo aniversario.
- A Rede está presente en 70 concellos galegos e, ademais, ten en marcha un Plan de Teleformación para chegar a toda Galiza.
- Neste tempo, a Rede impartiu case 4.000 obradoiros nos que se formou a preto de 25.000 persoas.
A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria, é unha das estratexias fundamentais para o desenvolvemento das políticas de inclusión na Sociedade da Información e para o desenvolvemento rural en Galiza. A Rede iniciou a súa actividade en xaneiro de 2007 e, desde esa data, axuda a levar a cabo actuacións relacionadas coa inclusión da cidadanía galega na Sociedade da Información, titorizando a poboación con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información. Para tal fin, os dinamizadores e dinamizadoras da Rede imparten charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital de temática variada. Todo isto de xeito totalmente gratuíto.
A Rede de Dinamización está xa presente en 70 concellos galegos a través dos seus centros de dinamización da Sociedade da Información, que constan de computadoras, impresoras, escáneres e cámaras de fotos dixitais, entre outros, que a poboación pode empregar e nos que desenvolve o seu labor de alfabetización dixital o persoal dinamizador. Ademais, para todos aqueles lugares onde aínda non hai dinamizador ou dinamizadora, puxeron onte en marcha un plan de teleformación do que xa informamos.
No que respecta á actividade formativa da Rede, no segundo ano de vida, a impartición de obradoiros case triplicou á do primeiro exercicio. En total lévanse impartidos 3.861 obradoiros cun total de 43.081 horas impartidas e un total 24.627 de persoas formadas a día de hoxe.
Outro dos principais obxectivos da Rede é tamén axudar e asesorar á PEMES e microPEME. Coa finalidade de dotar a estas, así como aos autónomos/as, de ferramentas que os axuden na xestión das súas empresas, a Rede de Dinamización en colaboración con Mancomún ofreceu 1.500 horas nun total de 60 cursos de formación máis específica en aplicactivos de software libre cun total de 576 participantes nestes cursos.
Para levar a cabo este labor de achegamento da poboación ás TIC, e cunha aposta decidida a prol da mellora das infraestruturas existentes no noso país a Consellaría de Innovación e Industria instalou ao longo do ano 2008 un total de 19 centros de dinamización, dos cales 6 son centros propios, totalmente equipados con computadoras que empregan un sistema operativo libre e en galego, impresora de branco e negro e outra de cor, escáner, canón proxector, cámaras web, lectores de DNI dixital, etc. Para seguir expandindo a Rede, prevese a instalación de 33 novos centros de dinamización ao longo do 2009.
Outras iniciativas da Rede de Dinamización
– O Concurso de Iniciativas da Rede de Dinamización, do que xa se celebraron dúas edicións e que produciu proxectos tan interesantes como o dicionario tecnolóxico en liña E-SignoVisual, nacido da colaboración entre a Rede de Dinamización e ASORLU (Asociación de Persoas Xordas de Lugo). E-Signovisual consiste nun dicionario en liña de termos tecnolóxicos en lingua de signos (LSE), galego e castelán, feito por e para persoas xordas.
– Memoria de Muller, que a Rede está a levar a cabo en 23 concellos galegos para propiciar un achegamento das mulleres maiores de 50 anos ás novas tecnoloxías e á Sociedade da Información, e amosarlles a súa utilidade.
– Memoria dos Oficios, que ten como obxectivo crear documentos audiovisuais, seguindo o esquema dunha fotomontaxe, para dixitalizar toda a información posíbel sobre os oficios tradicionais (ferreiros/as, afiadores/as…) a través dos recordos e vivencias da nosa poboación. Neste momento hai 6 iniciativas deste tipo proxectadas para o ano 2009.
– Tempos de Mulleres, levada a cabo no 2008 en colaboración co Servizo Galego de Igualdade, para impartir o módulo de alfabetización dixital do programa “Tempos de Mulleres: estamos ao día, superamos a fenda dixital”.
