Continuando co 3º ciclo dos sábados libres na Altamar, GALPon organiza para o vindeiro sábado 11 de abril, en horario de 10:00 a 18:30 horas, o obradoiro correspondente ao mes de Marzo que desta volta ten por tema “Seguridade nas comunicacións e nas transaccións en entornos libres”.

Os asistentes a este obradoiro poderán aprender como empregar sinatura electrónica nas súas comunicacións por correo electrónico así como nas comunicacións coa administración a través das sedes electrónicas das mesmas. Todo isto realizado dende contornos libres, é dicir con sistema operativo e aplicativos con licenza libre.
O obradoiro dividirase en dous bloques temáticos. Nun primeiro bloque centrarase en achegar aos asistentes ao “Cifrado e descifrado de correo electrónico con GnuPG”, que estará dirixido por Julio J. Herrero Arias (aka julher). O segundo bloque estará dirixido por Chema Casanova (@txenoo), socio de Igalia e asesor de tecnoloxías libres para a administración pública, que versará sobre “Sinatura electrónica con @firma, ecofirma e DNIe en entornos libres”.
Como sempre os interesados en asistir deben apuntarse previamente no correspondente formulario de inscrición. Así mesmo poden seguir o desenvolvemento e as novidades desta actividade no «evento no G+».
Programa completo
Cifrado e descifrado de correo electrónico con GnuPG
- Creación das chaves pública e privada
- Envío a depósitos de chaves
- Cifrado dun texto
- Descifrado dun texto
- Uso en entornos webmail
- Uso con xestores de correo
Sinatura electrónica con @firma, ecofirma e DNIe en entornos libres
- Certificados Dixitais Persoais: FNMT e DNI electrónico.
- Fundamento da sinatura electrónica e dos certificados dixitais.
- Asinando documentos en GNU/Linux: @firma, ecofirma, etc…
- O reto de acceder á administración electrónica con Software Libre.
- DNI electrónico e software libre, como configuralo.
Aviso: Se alguén quere probar o seu DNI electrónico é importante que teña un certificado en vigor. A pesares de que o DNI ten validez de 5 ou 10 anos, o certificado instalado no chip caduca pasados 30 meses dende a última renovación. Polo que se temos o DNIe activado, pero nos caducou o certificado, é preciso acudir a unha comisaría de policía a renovar dito certificado nas máquinas que teñen a disposición da cidadanía nas oficina de renovación do DNI. Non é preciso facer cola para este trámite. É un trámite gratuíto.
