O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) organiza para o vindeiro día 13 de febreiro, de 9:30 a 13:30 horas, un seminario técnico sobre procedementos de optimización de determinadas funcións de mantemento propias dun/dunha administrador/a Linux co obxectivo de trasladar un catálogo de boas prácticas no día a día da administración Linux dos sistemas dunha organización cunha clara orientación práctica e de aplicabilidade laboral. Tratarase de formar aos asistentes naqueles contidos relacionados coa optimización das funcións propias dun/dunha administrador/a Linux que inclúen tarefas habituais de mantemento, críticas e non críticas, que ou ben non se automatizan ou non se fan coa frecuencia e control necesarios.
O perfil ao que vai dirixido son preferentemente traballadores/as de PEMES e autónomos/as cun perfil de administradores/as de sistemas e, en xeral, a calquera persoal técnico interesado en adquirir coñecementos sobre a materia.
O seminario será impartido por Kenneth Peiruza, consultor IT, formador GNU/Linux, e colaborador habitual, como docente LCI (LPI certified instructor) de cursos LPI, do CNTG. Posúe ampla experiencia en labores de implantación, administración e securización de sistemas informáticos para empresas, tendo exercido ao longo dos seus máis de quince anos de traxectoria profesional como xefe de proxectos de auditoría de seguridade para entidades do sector da banca, seguros, colexios profesionais etc..
O seminario celebrarase o xoves 13 de febreiro de 9:30 a 13:30 horas no salón de actos do CNTG.
A asistencia ao seminario é totalmente gratuíta condicionada ao aforo do local, polo que é preciso inscribirse a través do portal web do CNTG para garantir a dispoñibilidade dunha praza. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 12 de febreiro. O acceso ao salón de actos para aquelas persoas NON inscritas estará condicionado á existencia de prazas libres o día de celebración do evento.
Se está interesado en participar neste seminario e non pode desprazarse a Santiago, pode consultar na web http://cemit.xunta.es o listado de aulas que o emiten e solicitar a súa participación vía videoconferencia.
