- A Amtega organiza este xoves no CDTIC un seminario sobre owncloud, para aprender a compartir ficheiros na nube de forma segura con OwnCloud
- OwnCloud, alternativa libre a Dropbox ou Google Drive, é unha aplicación na nube que tamén está dispoñible para a realización de probas no CDTIC Virtual
Este xoves 24 de setembro celebrarase no CDTIC a quinta xornada do Programa de Formación en Software Libre para o Terceiro Sector que organizan conxuntamente a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN).
Este quinto seminario leva por título “OwnCloud: Arquiva e comparte na nube os teus documentos para acción social” que se desenvolverá en horario de 17.00 a 20.30 horas no Centro Demostrador TIC. Na xornada trataranse as necesidades específicas do terceiro sector, a xestión da información na contorna lexislativa e a protección de datos e as solucións que ofrece Owncloud, así como as súas capacidades técnicas.
O obxectivo do seminario é amosar ao persoal, responsables e persoas voluntarias pertencentes a asociacións ou a entidades do terceiro sector, como compartir ficheiros na nube de forma segura, a través do uso da ferramenta Owncloud. Trátase dunha alternativa libre a outras solucións privativas como Dropbox, Microsoft Onedrive ou Google Drive coa vantaxe de que se trata de software libre, e os datos permanecen completamente baixo o noso estrito control.
Dado que as prazas son limitadas, para participar nesta xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde.
Actividades para o terceiro sector
Coa xornada “OwnCloud: Arquiva e comparte na nube os teus documentos para acción social” continúa o ciclo de actividades formativas dirixidas ao terceiro sector e organizadas pola Amtega en colaboración coa EAPN. Trátase dun total de nove actividades especialmente pensadas para este sector da economía composto por entidades sen ánimo de lucro.
O ciclo iniciouse o pasado 10 de setembro co curso “Coñece que pode facer o software libre pola túa asociación”, ao que lle seguiron dous cursos de Drupal (un básico e un avanzado) e outro sobre WordPress.
Este ciclo formativo enmárcase tamén nas actividades do Programa de Voluntariado Dixital da Amtega.
Na web do Centro Demostrador TIC poden consultarse as datas dos vindeiros cursos: ferramentas para participación cidadán, xestión e captación de doazóns, etc.
CDTIC Virtual, un entorno de probas para OwnCloud
Aproveitamos para lembrar que a aplicación ownCloud é unha das solucións que é posible probar a través do CDTIC virtual sen máis que rexistrarse previamente como usuario do CDTIC e solicitar unha proba dun despregue de owncloud durante 15 días para o uso particular e exclusivo. Deste xeito poderá libremente avaliar a utilidade e adecuación ás súas necesidades desta solución.
O Servizo CDTIC virtual ofrece ás persoas usuarias a posibilidade de analizar e probar solucións empresariais libres aloxadas na nube. Deste xeito poden coñecer e avaliar a utilidade e adecuación ás súas necesidades de solucións tecnolóxicas dispoñibles para o seu sector. Para empregar o servizo só é preciso solicitalo na web do Centro e tras verificar a súa petición habilitaráselle un período de proba.
As vantaxes desde servizo para as persoas usuarias son que proporciona unha infraestrutura para probar un servizo sen necesidade de que a empresa dispoña da mesma; así como permite aforrar tempo dun administrador de sistemas e recursos informáticos.
EAPN Galicia
A Rede Galega contra a Pobreza é unha entidade non lucrativa e de acción social que agrupa a entidades autonómicas do terceiro sector implicadas na loita contra a pobreza e a exclusión a través da defensa dos dereitos dos colectivos en risco e da súa participación comunitaria plena.
EAPN-Galicia forma parte tamén da European Anti Poverty Network, rede no nivel europeo que leva traballando de modo independente dende 1990, e está integrada en EAPN España.
