Mancomún

Seminario sobre o framework Grails no CNTG

Mércores, 21 Abril 2010

O vindeiro día 29 de abril, de 9:30 a 13:30, terá lugar na sede do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar un seminario de demostración do framework de desenvolvemento Grails.

Grails é un framework open source para o desenvolvemento de aplicacións web baseado en Groovy e Java que segue os principios “Don’t Repeat Your Self” (Non te repitas) e “Convention over Configuration” (Convención sobre configuración), engadindo á nosa caixa de ferramentas a capacidade de crear prototipos ou probas de concepto en tempo récord e permitindo, dentro do mesmo framework, a creación da base de datos, as pantallas de altas, baixas, modificacións e borrado de maneira automática. Durante o seminario realizarase unha demostración das capacidades de Grails creando unha aplicación web dende cero.
O evento está dirixido a desenvolvedores, programadores e xefes de proxecto con coñecementos de programación.

O relator da xornada será D. Luis Gervaso, profesional especializado en frameworks de código aberto orientados á creación de aplicacións baseadas en estándares web, colaborador, como docente, do CNTG na impartición de cursos de programación en Java e Desenvolvemento de aplicacións con Spring, Hibernate & JSF.

O acceso á xornada é de balde e condicionado ao aforo do local.

É preciso, como sempre, realizar unha inscrición previa para o que primeiro hai que rexistrarse na web do CNTG, e logo inscribirse dende a ficha da xornada na sección acontecementos.

O prazo de inscrición para anotarse ao evento rematará o mércores día 28 de abril.

Fonte: CNTG

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal