A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebra o 15 de outubro a oitava xornada do Programa de Formación en Software Libre para o Terceiro Sector que organizan conxuntamente.
O Centro Demostrador TIC acollerá o seminario “CiviCRM: captación de fondos e comunicación cos grupos de interese no terceiro sector” que se desenvolverá en horario de 16.30 a 19.30 horas. Este ciclo formativo enmárcase nas actividades do Programa de Voluntariado Dixital da Amtega.
Este seminario, de carácter eminentemente práctico, vai ser impartido por Alejandro Salgado, fundador da empresa iXiam, empresa con ampla experiencia no desenvolvemento e implantación de civiCRM, contando con clientes como Médicos sen Fronteiras ou Amnistía Internacional. Mencionar ademais, que CiviCRM foi tamén a solución empregada tanto polos grupos de apoio de Obama como de Hillary Clinton nas últimas primarias demócratas nos Estados Unidos para as campañas de captación de fondos.
Neste seminario as persoas asistentes poderán coñecer as vantaxes de empregar un CRM para a innovación e a optimización dos seus procesos. O CRM é a ferramenta que permite conectar, xestionar e facer fronte a grandes volumes de información e relacións cos actuais e os potenciais socios e colaboradores de forma áxil e sinxela. Concretamente, CiviCRM é unha solución web orientada ás necesidades particulares das organizacións sen ánimo de lucro, polo que os campos e os fluxos da ferramenta están pensados para a xestión de contactos e as súas relacións e non para fluxos de vendas como no caso doutros CRM xenéricos.
Esta actividade formativa está especialmente deseñada para responsables, persoal e persoas voluntarias pertencentes a asociacións ou a entidades do terceiro sector que teñan interese na implantación de ferramentas para a mellora tecnolóxica. Impartirá o curso Alejandro Salgado, fundador de iXiam e membro do comité de mercadotecnica de CiviCRM.
Dado que as prazas son limitadas, para participar nesta xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde.
Actividades para o terceiro sector
Coa xornada “Aprende como xestionar a captación de fondos e a comunicación cos asociados grazas a CiviCRM” continúa o ciclo de actividades formativas dirixidas ao terceiro sector e organizadas pola Amtega en colaboración con EAPN, Rede Galega contra a Pobreza.
Trátase dun total de nove actividades especialmente pensadas para este sector da economía composto por entidades sen ánimo de lucro. Comezaron o 10 de setembro e contaron ata hoxe coa presenza de máis de 120 asistentes e que finalizará o 22 deste mes cunha xornada de peche na que se relatarán experiencias de éxito no emprego do software libre.
