Mancomún

Seminario sobre virtualización e alta dispoñibilidade en Linux

Martes, 7 Maio 2013

Logotipo do CNTGO Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) da Consellería de Traballo e Benestar organiza un seminario sobre virtualización e alta dispoñibilidade en Linux para o vindeiro luns 23 de maio de 9:30 a 13:30 horas que terá lugar nas instalacións do CNTG.

O seminario trasladará aos asistentes conceptos relativos á virtualización e alta dispoñibilidade: implantación de solucións de virtualización, balanceo de carga, xestión de recursos etc. É preciso inscribirse para poder asistir ao evento. A inscrición está aberta ata o día antes do seminario, o 22 de maio.

A xornada vai dirixida preferentemente a administradores/as e técnicos/as de sistemas e, en xeral, profesionais con coñecementos previos do sistema operativo Linux con interese en virtualización e alta dispoñibilidade.
O relator da xornada será Kenneth Peiruza, consultor IT, formador GNU/Linux e colaborador habitual, como docente de cursos LPI, do CNTG. Posúe ampla experiencia en labores de implantación, administración e securización de sistemas informáticos para empresas, tendo exercido ao longo dos seus máis de once anos de traxectoria profesional como xefe de proxectos de auditoría de seguridade para entidades do sector da banca, seguros, partidos políticos etc.

A axenda do seminario é a seguinte:

  • Visión xeral de Proxmox VE
  • Conceptos / Arquitectura / Tecnoloxía (KVM e OpenVZ)
  • Requisitos (Hardware, storage, network)
  • Instalación
  • Introdución á xestión baseada en web
  • Modelo de rede
  • Modelo de almacenamento
  • Crear e xestionar máquinas virtuais (Todos os ss.oo.)
  • Crear e xestionar contedores (Linux)
  • Backup e recuperación

O prazo de inscrición estará aberto dende o día 6 ata o 22 de maio. O acceso presencial ao seminario para aquelas persoas NON inscritas estará condicionado á existencia de prazas libres o día de celebración do evento. Para inscribirse é preciso rexistrarse primeiro como usuario na web do CNTG.

Esta sesión poderá seguirse tamén por videoconferencia a través das aulas da rede CeMIT localizadas en A Cañiza, Carballiño, Celanova, Padrón, Pontedeume, Pontevedra, Verín e Vilagarcía. Para poder asistir ao seminario por videoconferencia cómpre darse de alta previamente como usuario da rede CeMIT e inscribirse no seminario na aula á que desexe asistir a través da plataforma de inscrición nas actividades da rede CeMIT.

Fonte: CNTG

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal