O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia organiza un Seminario técnico sobre o servidor Linux para PEMES, Zentyal para o vindeiro día 26 de abril, de 16:30 ata, aproximadamente, as 20:00 horas.
A xornada vai especialmente dirixida ao persoal técnico, tanto do sector público como privado, que teña responsabilidades, exerza e/ou oriente a súa actividade no eido da administración de sistemas, así como a calquera persoa de perfil técnico con interese na temática.
O obxectivo da xornada é a presentación desta plataforma de administración e dos principios que rexen o seu deseño: boas prácticas, integración de servizos, interface de administración unificada, configuracións probadas en múltiples contornos…Durante a presentación usarase unha instalación de Zentyal sobre a que se irán probando e resolvendo as posibles dúbidas sobre as distintas posibilidades presentadas.
Os contidos que se tratarán serán os seguintes:
- Introdución a Zentyal (Presentación da plataforma e principios de deseño: Boas prácticas, integración de servizos, interface de administración unificada ..)
- Servizos de infraestrutura de rede (DNS, NTP, DHCP, autoridades de certificación ..)
- Gateway (IP Routing, Firewall, QoS, HTTP Proxy, Radius, Captive Portal)
- Xestión de amezas, UTM (HTTP Proxy avanzado, VPN, IDS)
- Office. Xestión de usuarios e grupos (LDAP)
- çComunicacións (SMTP, POP3, IMAP4, VoIP, Jabber ..)
- Mantemento e monitorización (logging, alertas, actualización, soporte ..)
O relator da xornada será José Juan Montes, Manager de Support & Online Services en Zentyal, experto en Zentyal, traballou previamente en varias compañías TIC en España e Reino Unido, participando entre outros proxectos no desenvolvemento de aplicacións de negocio e de ISP para R e Vodafone, sistemas de xestión documental (EMC Documentum), e na administración e deseño de sistemas informáticos baseados en software libre.
O acceso, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local.
Para obter un certificado de asistencia ao acto será obrigatoria a previa inscrición no mesmo. Os certificados deberán ser solicitados o mesmo día de celebración do evento na xefatura de estudos do CNTG.
O prazo de inscrición estará aberto do 26 de marzo ata o 25 de abril.
Sobre Zentyal
Zentyal, compañía desenvolvedora do servidor Linux do mesmo nome, ten por obxecto prover a pequenas e medianas empresas e organizacións unha rede informática profesional, fiable e segura, mais ao tempo doada de usar e alcanzable. Con este fin a compañía desenvolve o servidor Zentyal e presta servizos e soporte, así como solucións completas baseadas no servidor Zentyal, ben a través dos seus Partners Autorizados o ben directamente aos clientes finais.
O servidor Zentyal é unha solución integral para a xestión de rede de sistemas da información altamente adaptable ás necesidades de organizacións e administradores. O obxectivo principal de Zentyal é facer que algo tan esencial como a xestión de redes sexa fácil e segura. Sitúase en competencia directa de Microsoft Windows Small Business Server ofrecendo a robustez e seguridade dun sistema GNU/Linux.
Zentyal é un servidor Linux para pemes que pode empregarse como porta de enlace (gateway), xestor unificado de ameazas (UTM), servidor de oficina, xestor de infraestrutura, servidor unificado de comunicacións ou unha combinación destas funcións. O desenvolvemento de Zentyal comezou no ano 2004 e agora é xa unha solución de servidor Linux de nivel empresarial que integra máis de 30 ferramentas de xestión de rede de código aberto e conta cunha comunidade activa de máis de 5.000 membros e estímase que hai cerca de 50.000 instalacións activas de servidores Zentyal en todo o mundo.
Zentyal en Galicia
Destacar que en Galicia temos ao único Partner Silver de Zentyal, a compañía Aitire que dispón dun equipo de técnicos especializados capaz de ofrecer servizos de desenvolvemento e asistencia sobre Zentyal, así como a súa solución integral hardware e software baseada en Zentyal, Aibox, capaz de responder a todas as necesidades informáticas dunha peme.
Ademais hai outras empresas pertencentes a AGASOL que tamén ofrecen os seus servizos en torno a Zentyal.
