Mancomún

Seminarios prácticos sobre SugarCRM e Zentyal no CDTIC

Luns, 11 Novembro 2013

CDTICA AMTEGA en colaboración con AGASOL, continúa a desenvolver o ciclo de seminarios prácticos de solucións empresariais en software libre, dirixido ás pequenas e medianas empresas galegas.

Logo do éxito de participación dos dous seminarios xa celebrados, coa práctica totalidade de prazas cubertas, Tenda en liña con Software Libre, o pasado 29 de outubro, e Xestión de contidos con Software Libre: CMS Joomla, o 7 de novembro, esta semana é o momento de dous novos seminarios sobre solucións empresariais:

  • Xestión de clientes con software libre . SugarCRM. 12 de Novembro de 10 a 14 horas.
  • Xestión dunha rede empresarial con software libre . Zentyal. 14 de Novembro de 10 a 14 horas.

Mañá martes 12 de novembro D. Eduardo Díaz Comellas, socio de Ultreia, achegará aos asistentes as vantaxes de empregar un sistema de Xestión das relacións cos clientes, así mesmo poderán coñecer as alternativas existentes en software libre e como analizar cal é a mellor alternativa, e finalmente poderán ver de forma práctica como traballar con SugarCRM.

O xoves 14 de novembro, será a quenda de D. José Juan Montes Llorca, CIO en Zentyal, quen explicará aos asistentes que é unha ferramenta de xestión de rede, cales son as alternativas de ferramentas de Xestión de rede en Software Libre, así como os principais criterios a ter en conta para escoller a solución máis adecuada, e finalmente traballarán de forma práctica coa ferramenta de xestión de rede Libre, Zentyal.

A asistencia a estes seminarios é totalmente gratuíta, sendo unicamente preciso cubrir o formulario de inscrición correspondente dende o portal do Centro Demostrador TIC, debido á limitación do aforo. Polo momento aínda quedan prazas libres, así que animamos a todos os interesados en participar a inscribirse cando antes.

Esta acción enmárcase dentro do Plan de acción en Software Libre do ano 2013, e desenvólvese en colaboración entre o Centro Demostrador TIC, a Oficina de Coordinación de Software Libre e AGASOL.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal