
O CNTG organiza durante o mes de maio diversos seminarios sobre Big Data e cloud baseados no uso de ferramentas libres. Así, o 12, 18 e 23 de maio respectivamente terán lugar nas súas instalacións os seminarios:
- “Big data: analistas e científicos de datos. Roles, funcións e tecnoloxías” para o que se empregará a tecnoloxía Cloudera como referencia
- “ Big data e NoSQL con Couchbase” e
- “OpenStack. Computación na nube. Infraestrutura como servizo (IaaS)”.
O acceso a calquera dos tres seminarios, é de balde e condicionado ao aforo do local, polo que se recomenda realizar a inscrición previa en liña a través do portal web do CNTG. O acceso para aquelas persoas NON inscritas estará condicionado á existencia de prazas libres o día de celebración do evento. A data límite de inscrición é o día antes de cada un dos seminarios.
As persoas interesadas en asistir a estes seminarios que non poidan desprazarse a Santiago, poden consultar na rede de aulas CeMIT, http://cemit.xunta.es, cal é a aula CeMIT máis próxima ao seu domicilio na que se vai emitir o evento e solicitar a súa participación vía videoconferencia.
Big data: analistas e científicos de datos. Roles, funcións e tecnoloxías
O xoves 12 de maio, de 9:30 a 13:30 horas, celebrarase un seminario sobre o papel dos analistas e científicos de datos na contorna big data, no que se tratará sobre os roles e funcións propias destes perfís profesionais así como dar a coñecer de que tecnoloxías dispoñen para poder realizar o seu labor. (no seminario utilizarase como referencia a tecnoloxía Cloudera).
O auxe do desenvolvemento de proxectos big data estandarizou a aparición de novos roles profesionais entre os que dous deles, analista e científico de datos, destacan actualmente como perfís con alta demanda de emprego cualificada nunha contorna tecnolóxica onde o paro practicamente non existe e a procura de perfís relacionados coa análise estratéxica e o tratamento de datos supera claramente á oferta dispoñible.
O termo big data referencia a necesidade de xestionar, almacenar e procesar cantidades masivas de datos en sistemas e almacenamentos dispares, onde as bases de datos relacionais non cobren as necesidades e requirimentos propios deste contexto e onde os datos están distribuídos nunha gran diversidade de formatos, tipos e/ou fontes de datos. Dispor desta capacidade de procesamento permite ás organizacións non só analizar estatísticas do que ocorreu, senón tamén predicir que vai ocorrer e que se vai necesitar para facer fronte a esas expectativas.
O relator da xornada será Miguel Ángel Jiménez, instrutor oficial de Cloudera con máis de 10 anos de experiencia no desenvolvemento e definición de arquitecturas JavaEE e actualmente especializado como formador e consultor no eido do big data.
Big data e NoSQL con Couchbase
O mércores 18 de maio, de 9:30 a 13:30 horas celebrarase o segundo seminario relacionado co Big Data: Big Data e NoSQL con Couchbase.
A creación, integración e posta en marcha de aplicacións web, móbiles e de Internet das cousas (IoT) implica a definición dun novo paradigma tecnolóxico. As novas arquitecturas deben ser máis áxiles e requiren dun enfoque para a xestión de datos en tempo real que permita dimensionar e escalar á velocidade e variabilidade dos datos. Neste senso as bases de datos relacionais non son quen de cumprir con estes novos requisitos polo que as empresas deben recorrer a tecnoloxías de bases de datos como Couchbase.
O obxectivo do seminario consiste en dar a coñecer a tecnoloxía Couchbase, en que consiste o modelo de datos non relacional, como poñelo en marcha e amosar algúns exemplos de aplicación desta tecnoloxía.
O relator da xornada será Zeus Gómez, enxeñeiro informático cun master en arquitectura de computadores, redes e sistemas, e consultor e instrutor Couchbase da empresa Proyecto Universidad Empresa (compañía partner global de formación oficial e consultoría en solucións Couchbase). Zeus é un profesional con máis de 10 anos de experiencia desenvolvendo labores de consultoría e formación oficial en tecnoloxías NoSQL, Big Data, Linux, Java etc …
OpenStack. Computación na nube. Infraestrutura como servizo (IaaS)
O luns 23 de maio, de 16:30 a 20:30 horas, celebrarase o seminario sobre OpenStack. O obxectivo do seminario consiste en dar a coñecer aos asistentes a plataforma OpenStack e ofrecerlles unha visión de conxunto tanto da plataforma como do que implica xestionar software na nube.
OpenStack é un proxecto de computación na nube (cloud computing) que proporciona infraestrutura como servizo. Noutras verbas, unha infraestrutura informática inmediata que se aprovisiona e administra a través da rede permitindo reducir ou escalar horizontalmente os recursos con rapidez para axustalos á demanda e pagando polo seu uso.
IaaS reduce significativamente, cando non o evita, o gasto e a complexidade que supoñen a compra e administración dos seus propios servidores físicos así como outras infraestruturas do centro de datos. Open Stack é un software libre e de código aberto distribuído baixo os termos da licenza Apache e baixo o auspicio da fundación OpenStack.
O relator da xornada será Fernando Ruiz-Tapiador, profesional con máis de 15 anos de experiencia no eido da formación, especialmente como docente oficial Red Hat, en posesión dun moi importante número de certificacións Red Hat, entre as que se atopan as de maior nivel como a de Red Hat Certified Architect Level VI. Entre as súas acreditacións salientar a de Open Stack e a RHEV. Fernando é especialista en produtos Red Hat de infraestrutura, ben sexa para un CPD local ou cloud.
