O vindeiro xoves 11 de decembro, celebrarase no CDTIC unha demostración práctica sobre as capacidades e funcionalidades da solución de nube privada Owncloud.
Esta xornada ten por obxectivo achegar aos asistentes á problemática e necesidades que teñen na actualidade as entidades privadas ou públicas relativas á xestión da súa información no marco lexislativo español e europeo e presentar dunha forma práctica como a solución Owncloud permite resolver ambas cuestións.

Esta demostración terá lugar nas instalación do CDTIC a partir das 10:30 horas, da man de Carlos Rodríguez García, consultor TIC con máis de quince anos de experiencia en administración de sistemas informáticos baseados en GNU/Linux. Director e responsable técnico da empresa Librebit para proxectos como Abalar (75 000 equipos) e Rede CeMIT (1500 equipos) con Debian, ambos pertencentes á Xunta de Galicia.
A utilización de servizos gratuítos como Dropbox, Google Drive o Onedrive pode non ser legal para as entidades españolas debido aos condicionados de uso destas ferramentas, que determinan basicamente que os datos persoais almacenados neles poden ser revisados, manipulados e incluso cedidos a terceiros con fins comerciais. Só algunhas delas, na súa versión profesional de pago, cumpren cos termos legais da AEPD. Polo tanto, utilizar as soluciones gratuítas mencionadas para almacenar datos persoais como NIF, números da Seguridade Social o simplemente correos electrónicos é cando menos irregular segundo a LOPD española.
O uso da solución owncloud, ben cunha implantación nos propios servidores da empresa, ou ben contratándoa a unha empresa provedora, permite solucionar a problemática da protección de datos, ademais de proporcionar outra serie de vantaxes que os asistentes a esta xornada poderán coñecer e experimentar na demostración.
A xornada está dirixida tanto a técnicos e/ou responsables TIC de empresas ou entidades públicas, como consultores TIC, persoal directivo, etc.
A asistencia ao seminario é completamente gratuíta, sendo unicamente preciso a inscrición previa través do Espazo Usuario do portal web do CDTIC.
Owncloud no CDTIC Virtual e artigo tecnolóxico
Aproveitamos para lembrar que a través do servizo CDTIC Virtual está dispoñible a solución owncloud para que calquera usuario do CDTIC poida solicitar o uso desta solución durante un período de 15 días para o seu uso en exclusiva co obxectivo de poder avaliar as funcionalidades da mesma sen necesidade de realizar instalacións na súa empresa.
Por outra parte, recentemente publicamos un artigo no que presentabamos dous casos de éxito de dúas empresas galegas que están actualmente a empregar OwnCloud para ter a súa nube privada, unha cunha instalación en servidor propio e outra como servizo contratado na nube: Igneoma e Inprosec. Preguntámoslles que lles motivou a empregar owncloud fronte a outras solucións así como as súas recomendacións.
Así mesmo falamos tamén cos seus respectivos provedores tecnolóxicos, que nos trasladaron a súa experiencia e opinión sobre a madurez desta solución.
Estas actividades forman parte das actuacións de difusión e fomento do uso do software libre no sector empresarial incluídas no Plan de Acción en materia de Software Libre 2014.
