Xestiona o día a día da túa empresa con FacturaScripts
O próximo 3 de abril, en horario de 16.30 a 16.30, terá lugar unha nova sesión demostradora no CDTIC en Santiago de Compostela. Nesta ocasión mostrarase a solución FacturaScripts da man de Ítaca Software Libre, software de planificación de recursos empresariais (ERP) e da administración da relación cos clientes (CRM).
Se estás cansado de tediosos programas de facturación e contabilidade, onde é necesario configurar centos de opcións antes de empezar a traballar, esta é unha boa alternativa.
FacturaScripts (aloxada no CDTIC virtual para facilitar a súa proba e aprendizaxe), é un programa sinxelo de utilizar, e ao mesmo tempo, accesible e potente, que permite levar a contabilidade da túa empresa sen esforzo.
Pensado especialmente para PEMES, autónomos e asociacións.
Tamén é un excelente programa para facer orzamentos e permite, cun par de clics, convertelos en pedidos, albarás ou facturas, co que aforra tempo de xestión. Conta tamén coa posibilidade da xestión do catálogo de produtos e a xeración automática de asentos contables, ademais dun extenso catálogo de plugins e actualizacións periódicas froito da activa comunidade arredor do proxecto.
Debido a que é accesible mediante unha web, os usuarios terán acceso aos datos, así como plena capacidade de xestión dende calquera dispositivo con acceso a Internet e un navegador web.
Programa:
- Presentación práctica dos módulos de FacturaScripts: contabilidade, facturas e orzamentos.
- Explicación do funcionamento básico dos módulos de FacturaScripts.
- Exposición dun caso de xestión empresarial.
- Realización dun exercicio práctico.
Ítaca software libre
Consultora informática que, apoiándose en sistemas de código aberto e software libre, ofrécelles ás empresas e todo tipo de organizacións, servizos de consultoría informática de gran valor engadido.
Forman unha cooperativa desde o ano 2007. Ofrecen consultoría, asesoramento e desenvolvemento de servizos informáticos da cidade de A Coruña.
É necesaria a inscrición previa para poder asistir á sesión demostradora.
Organizan Amtega e Ítaca Software Libre.
Máis información e inscrición:
https://cdtic.xunta.gal/facturascripts2019
