Mancomún

Sistemas libres na electrónica de entretemento

Xoves, 26 Novembro 2009

TuxEsta semana estivemos a ver casos de dispositivos pensados para o entretemento baseados en sistemas libres e no código aberto como modelo de desenvolvemento.

Vimos os casos das plataformas EVO Smart Console, das consolas portátiles GP2X, e da OpenPandora, aínda en fases previas á súa comercialización. Estes son os casos máis coñecidos de consolas de videoxogos que se presentan ao público cun sistema baseado en software de código aberto, mais non son os únicos dispositivos que se basean neste tipo de software, nin son as únicas consolas capaces de utilizar sistemas libres.

Unha lista de dispositivos de ocio, ben coñecidos, que se basean no código aberto podería incluír os seguintes electrodomésticos:

  • Televisores Panasonic da gama VIERA: Sóubose hai un tempo que estes televisores inclúen software baseado no núcleo Linux.
  • DVR (gravadores de vídeo dixital) e set-top-boxes (aparatos que poden decodificar, gravar, almacenar e reproducir sinais de vídeo analóxico e dixital, como o sinal da TDT):
    • A plataforma de software que inclúe o coñecido TiVo está baseado no núcleo Linux
    • Diversos set-top-boxes comercializados pola empresa Dream Multimedia
    • O Dbox2, comercializado por Nokia, e despois por Philips e Sagem
    • OSD (“Open Source Device”) da empresa Neuros Technology

Aínda que estes dispositivos pode que non sexan moi coñecidos ou empregados no noso país, son enormemente populares noutras partes do mundo.
A lista de teléfonos móbiles que empregan software de código aberto é enorme, e coas recentes publicacións da plataforma Android, e o sistema operativo Maemo, podemos prever que irá en aumento.

Ademais dos trebellos que se comercializan de fábrica con software de código aberto, existen multitude de dispositivos nos que se pode executar un sistema baseado en GNU/Linux. Algúns destes artefactos conseguen executar estes sistemas operativos grazas aos esforzos da comunidade, mentres que outros presentan esta opción promovida polos propios fabricantes.

Unha lista de videoconsolas nas que resulta posíbel executar un sistema libre incluiría as seguintes:

  • Nintendo GameCube.
  • Wii.
  • Xbox, na que se pode executar algunhas distros Linux de escritorio.
  • Xbox 360, o mesmo.
  • A PlayStation, que pode executar un ‘port’ de µClinux.
  • PlayStation 2.
  • PlayStation 3, considerada a consola na que máis sinxelo resulta instalar Linux, pola súa interface gráfica.
  • Na PSP pódese executar un ‘port’ rudimentario de µClinux.
  • Dreamcast, de Sega.

Como nota anecdótica, nos reprodutores de audio portátiles iPod, de Apple, e Zune de Microsoft pódese tamén instalar e facer funcionar µClinux.

Pódese encontrar máis información sobre todos estes dispositivos, e algún máis, nesta ligazón á Wikipedia inglesa. Así mesmo, existe a páxina web LinuxDevices.com, na que se recollen novas e reseñas de aparatos que funcionan empregando internamente o núcleo Linux.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal