
A mensaxería instantánea é unha das actividades en liña máis comúns, e unha gran variedade de contornos de escritorio e aplicativos web permiten gozar dela. Pero o incremento na variedade de protocolos e provedores, fan que cada vez sexa máis difícil poder seguir o fío de todas as conversacións.
Por este motivo, nos laboratorios de Mozilla (Mozilla Labs) lanzaron un produto chamado Snowl, que pretende que o noso navegador web nos axude nesta tarefa.
Snowl é o prototipo dunha extensión para firefox que integra a mensaxería dentro do navegador, baseándose nos seguintes principios:
- Non importa de onde veñan as mensaxes, desde servidores de correo, fíos RSS/ATOM, foros de discusións, redes sociais ou outros sitios.
- Algunhas mensaxes son máis importantes ca outras, e a mellor interface para ler as mensaxes máis activas pode que non sexa a mellor interface para a lectura casual das menos activas.
- Unha interface baseada en buscas e máis potente e usábel que unha que primeiro che faga ordenar as mensaxes para ter que posteriormente atopalas á man.
- Que as funcionalidades típicas do navegador á hora de xestionar o contido web, marcadores, historial, etc.. funcione correctamente á hora de navegar polas mensaxes.
Os modos de visualización destas mensaxes son varios: un panel en árbore, unha vista en lista, orientado á lectura activa das mensaxes máis importantes, o “río de novas”, baseado no concepto da navegación casual e por último o “fluxo de novas” en forma de barra lateral para poder botarlle un ollo ás mensaxes ao mesmo que tempo que se fan outras cousas….
Polo de agora, a extensión encóntrase en fase de probas e só admite dous tipos de fontes de mensaxes: fíos web e Twitter.
