Fai unhas semanas dende a páxina de Mancomun.org dabamos conta da aparición dun novo aplicativo, SOFA Statistics, para facer estatísticas e analizalas, podendo consultar varias bases de datos e sen ter que importar os datos previamente. Este aplicativo volve a estar de actualidade xa que ven de anunciar por medio da súa páxina web que acaba de internacionalizarse, polo cal a partir de agora xa se pode traducir a calquera idioma.
O máis sobranceiro desta nova é sen dubida que o primeiro idioma ao cal foi traducido SOFA Statistics foi o galego. Por agora a versión para Ubuntu é a única que está dispoñíbel na nosa lingua pero en breve o estará tamén para Windows e Mac OS.
O feito de que este aplicativo estea dispoñíbel en galego foi grazas ao traballo da xente do Proxecto Trasno, que contactou co responsábel de SOFA Statistics e puxeron en marcha un proceso de colaboración que fixo posíbel que o aplicativo se internacionalizara.
Este aplicativo está escrito en python e foi desenvolvido por Paton-Simpson & Associates Ltd, ademais está liberado baixo licenza AGPL.
