Este xoves 31 de maio de 9:00 a 14:00 horas celébrase no Centro Demostrador TIC de Galicia unha xornada demostradora que leva por nome Boas Prácticas – Oportunidades e estratexias para crecer coas TIC.
O obxectivo desta xornada é achegar ás empresas galegas tendencias tecnolóxicas que posibiliten a modernización do seu negocio, a mellora do seu posicionamento na economía galega, así como a apertura a novos mercados, todo elo a través dunha metodoloxía que inclúe relatorios prácticos acompañados de casos de éxito.
Como non podía ser doutro xeito se falamos de tecnoloxías para a modernización e eficiencia TIC para as pemes, o Software Libre terá o seu espazo nesta xornada.
Así, xusto a continuación da apertura da xornada, a empresa TEGNIX dará un relatorio sobre Software Libre como ferramenta de eficiencia e competitividade para as pemes a través do que nos achegará a experiencia do proceso de evolución e mellora nas TIC na empresa Cidadanía cara o Software Libre.
Para que os asistentes poidan coñecer non só a visión máis técnica do provedor TIC, senón unha visión máis próxima á propia como empresa consumidora da tecnoloxía, Tegnix estará acompañada de dúas pemes usuarias, que darán conta dos seus casos de éxito: Cidadanía e Sacauntos.
Cidadanía é unha empresa cooperativa formada por profesionais das ciencias sociais, fundada en 1999. Os servizos que veñen ofrecendo dende entón relaciónanse coa investigación social, a consultoría pública, a democracia participativa e a mellora organizativa, contando como principais clientes á Administración Pública, iniciativas de economía social, ONGs, sector asociativo, movementos sociais…
Esta empresas achegará de primeira man, a súa experiencia co emprego do Software Libre, cales foron as súas principais motivacións para evolucionar a este tipo de tecnoloxías, cales foron as principais melloras que notaron co cambio, os problemas que se atoparon e como os solventaron …
Cidadanía é a empresa detrás do proxecto galego e-cidadanía escollido por Google para participar no Google Summer of Code.
Ademais, Sacauntos, cooperativa gráfica, tamén presentará outro caso de éxito de especial relevancia, por tratarse dunha empresa pertencente a un sector con moi baixa ou case nula penetración do Software Libre. Sacauntos oferta servizos de deseño grafico e web e impresión en grande e pequeno formato. Os asistentes poderán novamente coñecer de primeira man, como esta empresa é quen de realizar todo o proceso de deseño, maquetación, impresión… facendo uso case en exclusiva de software libre e formatos abertos, e das vantaxes que isto supón, así como das limitacións que se atopan no seu traballo diario debidas á incompatibilidade cos formatos pechados habitualmente empregados neste sector.
Finalmente mencionar que ademais dos casos de éxito de software libre haberá tamén outros relatorios sobre tecnoloxías de actualidade como son o Cloud Computing, da man de Redegal ou as Redes Sociais da man de Alvaro Gomez Vieites. O programa completo pode consultarse na web do CDTIC.
A xornada vai dirixida a todas ás pequenas, medianas e grandes empresas galegas, é de carácter totalmente gratuíto, e conta cun total de 100 prazas que se cubrirán por orde de rexistro.
Entre todos os asistentes sortearase un netbook.
