Mancomún

Software libre galego para a loita contra o spam

Mércores, 1 Febreiro 2012

Hai pouco máis dun ano, informábamosvos sobre GS4Spam, un complemento para a coñecida ferramenta SpamAssasintm desenvolvido por investigadores e empresas galegas co financiamento da Xunta de Galicia, para axudar aos administradores de sistemas na súa loita diaria contra o correo lixo.

Logo do grupo de investigación SINGPois unha vez máis o grupo SING volve ser noticia, desta volta da man do seu proxecto Wirebrush4spam, un proxecto con licenza GPLv3 que aplicando técnicas de I+D+i a software xa existente obtén unha nova ferramenta contra o correo lixo, moito máis rápida e efectiva que as actuais do mercado.

Wirebrush for Spam” é un middleware de filtrado de correo lixo extremadamente efectivo inspirado na tecnoloxía de SpamAssasin. Os investigadores do grupo SING, partindo dunha completa análise do funcionamento de SpamAssasin, o referente neste ámbito, e da identificación dos seus puntos fortes e das súas eivas, desenvolven unha nova ferramenta escribindo o seu código dende cero, integramente en C (non inclúe ningún código perl do SpamAsassin) e implementando unha arquitectura altamente extensible con plugins.

O funcionamento do sistema baséase no uso de regras de filtrado semellantes ás que emprega SpamAssassin mais aplicando unha serie de novos conceptos e ideas co obxectivo de que o filtrado sexa máis rápido e efectivo. Os resultados que están a obter son espectaculares, conseguindo velocidades de clasificación de mensaxes 10 veces superiores aos tempos de SpanAsassin.
Orixe do proxecto

Segundo explica David Ruano, desenvolvedor do núcleo de Wb4Spam, polo que resultou gañador do 11º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos de Expourense, o pasado mes de decembro, “O uso fraudulento do correo electrónico para a distribución de publicidade medrou nos últimos anos ata niveis impensables, como o demostra o feito de que dos 247 billóns de correos electrónicos que se envían de media cada día máis dun 80% son correos lixo. Contra esta situación a medida empregada habitualmente consiste en aplicar os chamados antispam. A problemática xorde porque estes filtros automáticos, capaces de analizar o contido das mensaxes e de identificar o correo lixo, son cada día máis complexos porque necesitan adaptarse á constante evolución do spam.

Con este escenario e grazas a unha subvención do Plan Galego de I+D+i da Xunta, xurdiu a idea no SING Group de construír un novo middleware e framework para a execución, desenvolvemento e despregue de filtros antispam para correo e outros medios de comunicación electrónicos, como blogs e foros.

Proxecto en desenvolvemento

Como podemos adiviñar pola traxectoria deste grupo, Wb4Spam non é un traballo puntual senón toda unha liña de investigación que busca mellorar os actuais programas antispam para que usuarios e entidades dispoñan de ferramentas de comunicación electrónicas máis eficientes e seguras.

O equipo de traballo de Wirebrush está composto polas seguintes persoas:

  • David Ruano: É responsable do desenvolvemento do CORE (multithreading, filtro de avaliación preguiceira, conxunto de regras, análise de parámetros, etc …). Tamén é responsable dos plugins SPF e RXL.
  • Noemi Perez: É responsable do analizador EML, e os plugins Bayes e SpamHunting.
  • Álvaro Pérez: É responsable e desenvolvedor do proceso de avaliación META, traballo que está en proceso e prevese que estea listo en breve.
  • Jose Ramon Méndez: O líder do proxecto. Tamén é responsable do analizador HTML, dos xogos de caracteres, e colabora con David no desenvolvemento do CORE.

Ademais contaron coas achegas de colegas de empresas galegas que axudaron coas súas ideas a mellorar Wirebrush for SPAM como Eduardo Díaz de Ultreia Communications, David Martínez de OpenHost ou Jorge Vazquez de Redegal.

Existe tamén unha boa documentación pública dirixida a desenvolvedores que estean interesados en colaborar coa creación de novos plugins para Wb4Spam

Fonte: Duvi

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal