Mancomún

Software libre na escola 2.0

Luns, 14 Decembro 2009

CENATIC elabora un documento con 10 razóns para elixir software de fontes abertas na Educación.

ASOLIF fai pública unha carta aberta ao Ministro de Educación en relación ao convenio firmado con Microsoft para a inclusión de Windows 7 nos portátiles para primaria en Ceuta e Melilla.

10 razóns para o uso de SFA na educaciónHai pouco máis dunha semana, CENATIC, continuando coa súa campaña para amosar as vantaxes do software de fontes abertas ás Comunidades Autónomas que teñen que decidir acerca da dotación tecnolóxica no marco do programa Escola 2.0, publicou un documento titulado “10 razóns para elixir software de fontes abertas na Educación”, que recolle aspectos de carácter educativo, técnico e social que poidan ter en conta aqueles que teñen que decidir acerca da dotación tecnolóxica dos colexios e institutos en España.

Miguel Jaque, o director xerente de CENATIC, considera que o proxecto Escola 2.0 supón unha oportunidade única para avanzar na construción dunha sociedade da información máis xusta e con maiores liberdades. Neste sentido comenta: “das decisións que se tomen hoxe, dependerá como se eduquen tecnoloxicamente os nosos fillos”.

Respecto do decálogo que veñen de pór a disposición de todo o mundo comenta que as tecnoloxías abertas “son un modelo educativo en si mesmo, libre, democrático, sustentábel e tecnoloxicamente competitivo, que contribúe a formar a persoas libres, independentes, críticas e autónomas, capaces no futuro de elixir a súa opción tecnolóxica”
As 10 razóns que se explican neste decálogo son:

  1. Contribúe a formar persoas libres, independentes, críticas e autónomas.
  2. Permite ensinar con ferramentas adaptadas á realidade do alumnado.
  3. Crea unha Comunidade de Coñecemento Compartido.
  4. Favorece a liberdade de elección tecnolóxica da persoa.
  5. Evoluciona rapidamente e permite unha eficaz solución dos problemas.
  6. Unha solución madura, con experiencias de éxito na contorna educativa español.
  7. Permite aforrar custos na implantación, mantemento e xestión dos centros educativos.
  8. Facilita que os alumnos dispoñan na súa casa das mesmas ferramentas educativas que utilizan no seu centro educativo, e de forma 100% legal.
  9. Garante a seguridade.
  10. Potencia a innovación de produtos e servizos a través de empresas locais.

O pasado setembro, ASOLIF xa emitira tamén un comunicado a prol do uso do software libre nos portátiles para educación no que defendía a postura de instalar unicamente software libre nos computadores portátiles que as distintas comunidades autónomas ían adquirir no marco do Plan estatal de dotación de portátiles a alumnos de Primaria. Para defender a súa postura citaba diferentes razóns dentro de cada criterio, segundo as cales o óptimo sería a instalación de software libre nos citados portátiles.

Agora, ante o anuncio do acordo entre Microsoft e o Ministerio de Educación, ASOLIF vén de facer pública unha Carta aberta ao Ministro de Educación nos seguintes termos:

Sr. Ministro de Educación

Ante a firma o pasado xoves 10 de decembro do acordo entre a multinacional de software Microsoft e o Ministerio que vostede dirixe, a través da Sra. Eva Almunia, Secretaria de Estado de Educación e Formación Profesional, a Federación nacional de empresas de Software Libre (ASOLIF) quere comentar o seguinte:

  • A firma de acordos para a adquisición de material, software e servizos cun só provedor de solucións por parte de calquera estamento dun Goberno parécenos unha práctica discriminatoria, sobre todo, se temos en conta que existen diversas solucións no mercado de igual ou superior prestacións e custo inferior ás adquiridas. A licitación mediante concurso público deste proxecto sería o procedemento adecuado, como fixeron ou están a facer moitas CC.AA. de diverso signo político

  • España foi un país pioneiro a nivel mundial en proxectos TIC para Educación.. Comunidades Autónomas como Estremadura, Andalucía e Valencia, lograron alcanzar fitos sen precedentes usando software libre. Países como Brasil, Rusia ou Francia, ademais doutros latinoamericanos, por pór só algúns exemplos, tomaron este modelo como referencia. Dispondo de casos de éxito tan sobresalientes en España, non entendemos a aposta do Ministerio por un modelo oposto, baseado en ferramentas privativas dun único fabricante. En lugar de limitar, o Ministerio de Educación debería abrir o abano dispoñíbel de ferramentas e provedores que as fornecen.

  • A imposición das solucións que constan no acordo asinado con Microsoft a estudantes e docentes de Ceuta e Melilla constitúe un agravio fronte ás dispoñíbeis noutros lugares de España, máis avanzadas e mellor adaptadas a fins pedagóxicos. Ambas as cidades deberían dispor das mellores ferramentas posíbeis e ao menor custo. A solución acordada a través do convenio asinado entre Microsoft e o Ministerio de Educación non cumpre ningún dos dous preceptos.

  • ASOLIF avoga abertamente polo uso de ferramentas libres, é dicir, de todos, pois utilizan estándares abertos e son interoperábeis, ao contrario que as solucións privativas expostas. Baseamos esta posición en argumentos explicados no momento que se fixo público o proxecto Escola 2.0 por parte do Presidente do Goberno de España. Pode atopalos a través da seguinte ligazón: http://www.asolif.org/?page=ASOLIF_portatiles_primaria

Solicitamos manter unha reunión con vostede co fin de exporlle directamente as razóns que nos levan a asegurar que outro modelo en materia educativa é posíbel, un máis avanzado, barato e xusto. Propomos que este encontro se celebre canto antes.

Atentamente

Fontes:

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal