AGASOL a Asociación Galega de Empresas de Software Libre, en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT) da Xunta de Galicia, organiza para o vindeiro día 29 de setembro a Xornada software libre no terceiro sector: oportunidades para o desenvolvemento, unha xornada de traballo dirixida fundamentalmente ás asociacións e organizacións do terceiro sector que operan en Galicia, co obxectivo de achegarlles as ferramentas informáticas libres de interese para ofrecer un mellor servizo aos colectivos desfavorecidos.
A economía social ou terceiro sector designa a un eido á marxe dos sectores público e privado, un área de economía e iniciativas solidarias e non lucrativas que en Galicia está representado por unhas 2.000 entidades entre asociacións, fundacións e organizacións relixiosas. Para elas o emprego do software libre representa una oportunidade accesible para superar a fenda dixital e incorporar novas tecnoloxías.
Participarán empresas que contan con ferramentas dirixidas ao terceiro sector e orientadas á accesibilidade que tentarán amosar ás ONG e entidades galegas que enfocan o seu labor cara a acción social as diferentes solucións e experiencias de interese en eidos como os dos servizos para persoas con discapacidade, dereitos humanos, drogodependencias, educación, exclusión social, xuventude, terceira idade, etc… de xeito que as asociacións participantes poidan levar a cabo a súa misión de desenvolvemento social a través de ferramentas informáticas prácticas e gratuítas.
Programa da xornada
- 9:30-9:45 Presentación da xornada por parte da Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Dna. Mar Pereira Álvarez.
- 9:45-10:30 ¿Que é o Software Libre? Filosofía, solucións e vantaxes. Relator: Xavier Castaño (Igalia)
- 10:30-11:15 Tecnoloxías accesibles no centro educativo dixital. Relator: Carlos Rodríguez (Tegnix)
- 11:15-11:40 Pausa-café
- 11:40 -12:30 Tecnoloxías accesibles no fogar dixital. Teleasistencia en usuarios con diversidade funcional. Relator: Xurxo Cegarra (Wireless Galicia)
- 12:30 -13:30 Mesa redonda, presentación dunha nova plataforma de traballo orientada ao terceiro sector.
A xuntanza terá lugar o día 29 de setembro en Santiago de Compostela no MUPEGA, Museo Pedagóxico de Galicia, Rúa San Lázaro, 107. A asistencia é gratuíta previa inscrición na web www.agasol.org/eventos
