Recentemente os concellos de Lalín e Rianxo anunciaron dúas iniciativas dentro da aposta das administracións públicas galegas polo uso de software libre e tecnoloxías abertas.
O pasado mes de abril, o concello de Lalín anunciaba que a concellería de Novas Tecnoloxías dentro do seu compromiso coa comunidade do Software Libre estreaba en Github a web do seu repositorio de software (concellolalin.github.io) onde estarían "dispoñibles os distintos desenvolvementos do Departamento de Informática do Concello de Lalín para que poidan ser aproveitados por outras administracións, empresas ou particulares sen ningún tipo de custe" todos eles con licenzas libres como GNU GPLv3 ou MIT.
Agora é o Concello de Rianxo quen acaba de poñer en marcha unha canle de
Telegram para a difusión de información municipal apostando así por unha aplicación multiplataforma de mensaxeira instantánea de código aberto entre todas as outras alternativas existentes no momento actual e tamén pola “énfase na privacidade e á seguridade, coa garantía de confidencialidade das conversas, a gratuidade, e a protección ante publicidade e estudos baseados no perfil dos usuarios”.
Ambas apostas, unha pola liberación das ferramentas desenvolvidas pola administración e a outra pola vixilancia na escolla de alternativas de código aberto que garantan os dereitos dos usuarios a coñecer os códigos base que están a executar nos seus dispositivos son accións, aínda que en dous planos de acción distintos, son exemplos da concienciación da importancia e vantaxes que o software libre ten nas administracións públicas.
