PRISM é o programa de vixilancia electrónica cualificado de alto segredo a cargo da Axencia de Seguridade Nacional, NSA dos Estados Unidos dende o ano 2007, que recentemente saltou aos medios de comunicación grazas á publicación de documentos segredos por parte do ex-traballador da CIA, Edward Snowden que proban que o goberno estadounidense vixía a miles de usuarios de internet.
A NSA conta coa colaboración de multitude de empresas de servizos, tales como Microsoft, Facebook, Apple, Google, YouTube, Skype, Yahoo, … que permiten o acceso da NSA aos nosos datos almacenados nos seus servidores.
A Free Software Foundation, co obxectivo de protexer a nosa liberdade e privacidade, úrxenos a deixar de usar este tipo de Software como servizo. Para facilitarnos esta aparentemente difícil tarefa de cambio, debido á popularidade destes servizos, a FSF mantén un directorio de proxectos de Software Libre que traballan para promover unha mellor navegación, máis segura e respectuosa coa nosa privacidade.
Neste mesmo sentido, a asociación Melisa, publica esta semana un breve artigo no que achegan algúns consellos con alternativas libres para avanzar no camiño de mellorar a protección da nosa privacidade na rede.
- Cambia de navegador, e comeza a utilizar Mozilla Firefox. O uso de complementos como "Do Not Track" evita o rastrexo da nosa actividade na rede.
- Utiliza un buscador alternativo. Os tres principais buscadores, Google, Bing e Yahoo!, almacenan información relativa ao noso ordenador para saber dende onde se executan as buscas. Aconsellamos o uso de buscadores como DuckDuckGo, ou StartPage que non rexistran o enderezo IP do noso ordenador.
- Novas redes sociais. Non hai moitas alternativas a Facebook ou Google+, pero algunhas están medrando en número de usuarios, como Diaspora. A opción española é Lorea, que desenvolvida por hacktivistas, permite crear redes para pequenas comunidades.
- Aínda que Twitter non aparece na lista de Snowden, pode ser un bo momento para instalar AnonTwi.
- Cambia de xestor de correo electrónico, e instala Thunderbird no teu ordenador, que permite cifrar as mensaxes de correo con Enigmail.
- Pásate a aplicativos de mensaxería instantánea como Pidgin, que co seu complemento OTR, permite o cifrado das nosas mensaxes, evitando que poidan ser interceptadas polo camiño.
Ademais da iniciativa da FSF, existen outras iniciativas dirixidas a agrupar información e alternativas para grazas ao software libre aumentar a nosa privacidade na rede. Por exemplo, o portal prism-break cuxo código é GPL3 e que está dispoñible en diversos idiomas.
Este portal recolle unha extensa lista de alternativas ao software e servizos web privativos máis estendidos categorizados e estruturados ademais de acompañados de comentarios sobre as melloras respecto da privacidade que achegan as alternativas libres propostas.
Como proxecto libre que é calquera pode colaborar con esta iniciativa cuxo obxectivo, segundo describe o seu creador, é servir de axuda a todo o que estea preocupado por mellorar a súa seguridade e privacidade na rede.
