Mancomún

Software libre para gobernos en crise

Venres, 6 Marzo 2009
A crise actual é xa un problema global que afecta a todos e cada un dos países desenvolvidos. Acadar solucións para mitigar unhas consecuencias que parecen inevitábeis é o principal obxectivo das administracións gobernamentais, que están a descubrir que recortar gastos está facilmente accesíbel.

Cada vez son máis os países que recorren ao software libre para aforrar diñeiro aos  seus contribuíntes. Nos últimos días están a saltar á palestra diversas iniciativas orientadas a migrar ou, cando menos, a impulsar o uso das tecnoloxías e dos estándares abertos como unha forma de evitar pagamentos innecesarios de licenzas, pero tamén, e o que é máis importante, como o mellor xeito de acadar un desenvolvemento económico sostíbel baseado no reaproveitamento do coñecemento.

Galiza, referente europeo recoñecido neste eido, leva tempo apoiando o software libre a través de iniciativas promovidas dende a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, tales como a creación do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza ou o apoio ao fomento de iniciativas voluntarias como os grupos galegos de usuarios de software libre (GGUL) ou a comunidade de tradución, G11n.

No ámbito internacional, o goberno británico foi o último en abrir os ollos ao software libre. Segundo a información recollida por Mancomún, o Consello para a Información Británico (CIO) sinalou a necesidade de “construír unha cultura ‘aberta’ de reutilización e desenvolvemento compartido entre o goberno e os seus provedores, co obxectivo de estimular a innovación e reducir custos”. O executivo británico declarou a necesidade de “traballar cos integradores de sistemas e provedores”, para que as súas solucións incorporen estándares abertos.

Anteriormente, o goberno de Canadá xa lanzara a mediados de xaneiro unha petición oficial de información buscando a participación cidadá na implantación do código aberto a nivel da administración. A linguaxe usada na petición desvela que a redución de custos é a principal prioridade do executivo canadense, na que se especifica que se buscan “licenzas sen cargo”.

En España existen numerosos proxectos de éxito, tanto de carácter autonómico como estatal. O Centro Nacional de Referencia de Aplicación do TIC (CENATIC), dependente do Ministerio de Industria, publicou recentemente un informe da situación en España. Nel detállase que o país está “entre os máis activos da UE en materia de adopción de aplicacións de fontes abertas”, e que moitas das iniciativas de código aberto están a ter grande aceptación no sector público.

O caso galego é un boa mostra disto. No ano 2006 o goberno galego creaba Mancomún, a iniciativa galega a prol do software libre. Un proxecto que nos dous últimos anos se ten consolidado no Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza co propósito de dar un pulo definitivo á implantación das tecnoloxías de fontes abertas e segundo os criterios estabelecidos polo propio Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI).

Fonte: El País

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal