O mes pasado, a compañía suíza Skysoft, publicou, no repositorio europeo OSOR, un aplicativo para a visualización de datos para o control do tráfico aéreo, baixo licenza GPLv2.
Albatross Display , que así se chama o aplicativo, está escrito en C++. Segundo afirman os seus desenvolvedores, esta ferramenta proporciónalle ao controlador aéreo unha visualización precisa do espazo aéreo. O aplicativo recibe os datos do radar no formato estándar de intercambio de datos de vixilancia aérea, Eurocontrol’s Asterix, e mostra a traxectoria dos avións no mapa. Ademais, permite ampliar zonas concretas ou ter unha visión global do mapa e ofrece información do rango e dirección (range and bearing) dos obxectos.
Segundo as declaracións da compañía Skysoft, este aplicativo é o primeiro dunha serie de ferramentas que os especialistas suízos publicarán baixo licenzas de código aberto co obxectivo de que sexan amplamente implantadas no sector aéreo. A compañía tamén afirmou que a comunidade de desenvolvemento de Albatross é moi activa, con máis de 150 novos desenvolvedores desde que anunciaron o proxecto en marzo de 2009. Moitos deles forman parte de Eurocontrol.
Publicación no OSOR
A decisión de publicalo na forxa de desenvolvemento do OSOR, segundo Claude Levacher, o responsábel de marketing da compañía, foi o feito de que “o OSOR é un proxecto da Comisión Europea que fornece un excelente apoio á industria que busca servizos e infraestruturas técnicas de alto nivel, incluíndo aspectos legais.”
Outra razón é que a Comisión Europea xoga un papel moi importante no control de tráfico aéreo en Europa co seu proxecto Single European Sky ATM Research (SESAR) polo que consideraron máis axeitado empregar a forxa do OSOR que a de outras organizacións.
Fonte: Novas do OSOR
