O presente artigo afonda na solución tecnolóxica Odoo, anteriormente coñecida como openerp, como solución de xestión e planificación dos recursos empresariais.
Seguindo a mesma liña de artigos anteriores, facemos unha breve introdución ás necesidades empresariais habituais no eido da xestión empresarial, presentando brevemente as funcionalidades coas que conta Odoo, para deixar paso xa as entrevistas.
Cremos que coñecer a experiencia doutros usuarios que poidan ter as nosas mesmas necesidades é o mellor xeito de axudar a unha empresa que estea en proceso de atopar unha nova solución TIC. Así, entrevistamos a dúas empresas galegas que están actualmente a empregar esta solución, de dous sectores diferentes: elNogal do sector da alimentación e Balidea, do sector TIC.
A través das súas respostas teremos información de primeira man sobre as necesidades que lles levaron a implantar Odoo, o porque da súa elección así como as impresións e satisfacción cos resultados.
Finalmente, non esquezamos que un dos factores aos que debemos prestar atención á hora de escoller unha solución tecnolóxica é a dispoñibilidade de provedores próximos e de confianza que nos poidan axudar na tarefa. Por esta razón, entrevistamos tamén aos respectivos provedores dos casos de éxito presentados: Pexego e Anubía.
Son dous dos provedores galegos de Odoo/openERP que figuran no Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia – MapaTic.gal. Eles ofrécennos a súa visión como empresas especializadas na solución Odoo.
Planificación dos recursos empresariais con Software Libre
As siglas ERP, en inglés Enterprise Resource Planning, fan referencia a un tipo de software de xestión empresarial, que permite a xestión de todos os procesos de xerencia dunha empresa, como poden ser a loxística e distribución, inventarios, envíos, facturación ou contabilidade. Poden incluír tamén sistemas de xestión de recursos humanos ou mesmo ferramentas de mercadotecnia.
A súa popularidade hoxe en día, fai que non só atopemos solucións instalables nos propios servidores da empresa, senón que existen moitos provedores que ofrecen estas solucións como servizos na nube, de xeito que só precisamos crear unha conta para a nosa empresa e a cambio dunha cota mensual podemos empregar todas as súas funcionalidades sen ter que preocuparnos pola súa instalación, configuración e mantemento.
Segundo o informe “Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nas empresas de Galicia” publicado pola Xunta de Galicia, este tipo de software non ten demasiada presenza nas empresas de menor tamaño, onde apenas un 4% das micropemes o emprega. Mais en empresas de máis de 10 empregados xa empeza a haber unha demanda importante deste tipo de solucións, chegando a empregarse en aproximadamente o 40% das pemes, seguramente motivado polas maiores necesidades que teñen estas de controlar e xestionar os seus procesos.
Este tipo de software é moi modular xa que se ten que adaptar a todo tipo de empresas de sectores produtivos moi diferentes. As facilidades que ofrece o software libre para crear produtos modulares, facilmente personalizables e extensibles, fai que moitas das solucións de referencia neste ámbito sexan produtos con licenza libre.
Odoo, solución de xestión empresarial

Odoo, anteriormente coñecido como OpenERP, é unha solución de xestión empresarial de software libre. Segundo explicaba a empresa desenvolvedora desta aplicación a raíz do cambio de nome, Odoo é xa moito mais que un ERP, é unha suite de aplicacións de negocio baseada nunha arquitectura modular.
Nestes momentos é probablemente unha das máis empregadas e máis sinxelas, contando cunha serie de módulos estándar que lle proporcionan entre outras as seguintes funcionalidades:
- Xestión de compras e ventas
- Xestión de proxectos
- Xestión de almacéns
- Contabilidade
- Xestión de inventario
- Xestión de recursos humanos
- Campañas de mercadotecnia
Mais conta tamén cunha gran cantidade de módulos extra que permiten adaptalo ás necesidades concretas de moitos tipos de empresas e que complementan as funcionalidades propias dun ERP para convertelo nunha ferramenta moito máis completa e útil para a empresa. Por exemplo:
- CRM
- Xerador de ofertas e presupostos
- Módulo de xestión de web empresarial
- TPV e comercio electrónico
- Bussiness Intelligence
- e moitas máis.
Casos de éxito
Como adiantábamos na introdución deste artigo, a visión dunha empresa usuaria da ferramenta vai estar sen dúbida moito máis aliñada coas posibles inquedanzas ou dúbidas doutra empresa que estea valorando se unha solución deste tipo pode serlle de utilidade.
Así pois falamos con dúas empresas galegas que están actualmente a empregar Odoo para a xestión dos seus recursos empresariais. Coñeceremos de primeira man cales son as súas impresións respecto desta solución, que lles motivou a empregala fronte a outras solucións así como as súas recomendacións.
| Empresas entrevistadas | |
|---|---|
| Frutos secos el Nogal.Empresa creada en 1980, adicada á Importación, Elaboración, Envasado e Distribución de Froitos Secos e Froitas Deshidratadas. Actualmente emprega Odoo para a xestión dos seus procesos empresariais grazas aos servizos ofrecidos pola empresa tecnolóxica Pexego. | ![]() |
| Balidea. Empresa do sector das TIC que ofrece servizos de consultoría, desenvolvemento e integración de software, formación especializada e externalización tecnolóxica e de servizos TIC. Balidea emprega actualmente Odoo grazas aos servizos proporcionados polo provedor tecnolóxico Anubía. | ![]() |
Que necesidades TIC lles levaron a empregar a solución Odoo? Que procesos de negocio cubren con esta solución: facturación, contabilidade, xestión de clientes, recursos humanos, etc?
A necesidade de cambiar o antigo sistema ERP baseado en Unix, naceu da idea inicial de buscar unha aplicación que integrase todos os procesos da empresa que se xestionaban de forma independente a través de distintas aplicacións (Antigo ERP, Follas de cálculo, Bases de Datos,….). Para isto buscabamos unha aplicación aberta que permitise a integración cos nosos procedementos, e non unha aplicación privativa cuxa implantación implicase a modificación dos mesmos para adaptalos á sistemática de operación dunha aplicación pechada.
Buscabamos unha solución integradora para todos os procesos empresariais. Estamos comenzado a implantación polos módulos de xestión económica: facturación, xestión de clientes…
Como coñeceron Odoo?
Mediante a consulta en webs. Dende un principio, tivemos claro que a única opción válida era a baseada en software libre, e das opción baralladas, a dimensión do proxecto Odoo, foi a que encamiñou definitivamente a nosa decisión.
Realizamos unha busca de solucións integrais entre as que figuraban diversos ERP.
Cubriu totalmente Odoo as súas expectativas e necesidades? En caso de que non, que lle faltaría?
As necesidades iniciais requiridas foron cubertas completamente, se ben, ao ser unha aplicación baseada en Software Libre, e cunha comunidade moi forte, estamos inmersos nun proceso de mellora continua, no que indefinidamente estamos adaptando e modificando a aplicación para integrar de forma máis eficaz os noso procesos.
É difícil de dicir polo momento, xa que estamos en pleno proceso de implantación.
Contratou vostede o desenvolvemento dalgún módulo a medida para adaptar Odoo ás súas necesidades?
Si, pero a maioría da carga de desenvolvemento foi na adaptación de módulos, ben oficiais de Odoo, ben compartidos pola comunidade. Podemos afirmar que o 95% dos módulos, foron modificados en maior ou menor medida.
Polo momento non.
Elixiu facer unha instalación propia de Odoo ou está a empregala como servizo na nube? Por que?
Instalación propia. A conexión a Internet no rural galego, dificulta bastante o uso de servizos na nube, que non sexan os de almacenamento, xa que as velocidades de subida e baixada son moi baixas. Facendo unha instalación propia, aseguramos que aínda que a conexión estea caída, o funcionamento interno da empresa pode continuar sen problemas.
Temos unha instalación propia, basicamente por redución de custe.
Que vantaxe ou vantaxes supuxo a implantación de Odoo na súa empresa?
Basicamente un aforro moi importante en custes, con respecto a outras solucións privativas, e unha adaptación total ao funcionamento da nosa empresa.
A principal vantaxe é que nos está levando a reflexionar sobre os procesos e procedementos de negocio e a súa sustentabilidade. Dada a flexibilidade que supón e a súa modularidade, permítenos facer esta reflexión e cambio nos nosos procedementos de maneira gradual.
Recomendarían o uso de Odoo a outra empresa?
Sen ningunha dúbida.
Cada empresa é diferente e debe atopar aquelas solucións que mellor se adapten á súa forma de traballar. Se o que busca é unha ferramenta flexible, Odoo pode realmente ser a adecuada.
Sabían o que era o Software Libre antes de implantar Odoo?
Si.
Si.
Tivo algún peso na elección da solución que esta fose Software Libre?
Foi a base fundamental da decisión.
Non foi un factor determinante, pero si un factor influínte.
Valoraron algunha outra alternativa? De ser así, que foi o máis determinante á hora de escoller esta e non outra?
Si. Inicialmente valoramos seis alternativas, tres de software privativo e outras tres de software libre. O que encamiñou a decisión final foi unha combinación de factores. Primeiro, que se trata de software libre; segundo, o tamaño do proxecto, xa que se trata dun proxecto multinacional con grandes empresas que avalan os seus resultados, e terceiro, a súa comunidade formada con xente moi capaz e con ganas de compartir os seus coñecementos.
Si, valoramos varias solucións e mesmo a posibilidade de realizar un desenvolvemento a medida. O mais determinante á hora de escoller Odoo fronte ás outras ferramentas analizadas foi que se trata dunha solución probada, con soporte, con partners nacionais, flexible e con posibilidade de adaptación. Quizais o factor máis determinante de todos eles puido ser a adaptabilidade.
Provedores galegos de Odoo
Agora que coñecemos algo máis desta solución e a opinión de dúas empresas que a están a empregar de maneira satisfactoria, outro dos aspectos que nos poden axudar a tomar unha decisión é coñecer a dispoñibilidade e opinión de provedores que nos ofrezan servizos en torno a ela.
A pesar de que a instalación dun servidor de Odoo pode ser feita de maneira relativamente doada e existe abundante documentación ao respecto, certamente non é unha tarefa que estea ao alcance de calquera. Para que todo funcione ben e se poidan aproveitar realmente todas as vantaxes de ter a nosa propia nube privada é preciso realizar unha correcta labor de configuración e mantemento.
Por sorte, ao ser unha aplicación de software libre podemos atopar empresas preto de nós que ofrecen un amplo catálogo de servizos de soporte para a instalación, configuración e mesmo, se o precisamos, mantemento e adaptación da solución ás nosas necesidades.
Contactamos con dúas delas, Pexego e Anubía, que nos achegan a súa opinión ao respecto das funcionalidades, vantaxes e madurez de Odoo dende o punto de vista dunha empresa especializada.
| Empresas Provedoras | |
|---|---|
| Pexego, é unha empresa de servizos de consultoría e desenvolvemento ubicada en Lugo, con 9 anos de antigüidade, adicada fundamentalmente a implantación de aplicacións de xestión empresarial.Desde os seus inicios apostou polo software libre como elemento clave no desenvolvemento dos seus produtos e como filosofía e modelo na súa relación coa sociedade, participando para isto no desenvolvemento de código libre no marco da sociedade do coñecemento e colaborando coas comunidades nas que está involucrado, especialmenete no caso de Odoo. | ![]() |
| Anubía Soluciones en la nube, S.L., naceu no ano 2012 e está ubicada en Vigo. É unha empresa consultora, de formación, desenvolvemento e implantación de solucións de software libre para a xestión completa de empresas de aplicación na nube.Aínda que foi creada por enxeñeiros industriais de distintas especialidades, con diversas traxectorias profesionais en diferentes sectores, actualmente conta cun equipo formado por persoal multidisciplinar: enxeñeiros industriais de distintas especialidades, enxeñeiros informáticos e economistas. Isto permítelles entender o funcionamiento integral das empresas dos seus clientes, tanto daquelas que contan con procesos de produción complexos, como de pemes e empresas de servizos. | ![]() |
A que tipo de clientes vai dirixido Odoo? A que tipo de empresas lles pode ser útil esta solución?
Odoo é unha solución moi modular e escalable polo que pode adaptarse sen problema para dar solución ás necesidades de xestión dende un autónomo ata unha peme dun tamaño considerable, aínda que quizais o entorno no que mellor se mova é no da peme de tamaño medio.
En canto a sectores, este mesmo carácter modular e a ampla cobertura funcional permite implantalo en case calquera sector.
Vai dirixido a todo tipo de empresas. Ao tratarse dun software altamente modular e personalizable, pode adaptarse tanto a grandes compañías como a micropemes. Odoo conta con gran cantidade e diversidade de módulos e aplicacións xa existentes, o que o converte nunha solución versátil e útil para calquera tipo de compañías: servizos, produción, etc.
Como dirían que se atopa Odoo respecto de alternativas privativas en termos de madurez e funcionalidade?
Absolutamente equiparable, tanto en termos de estabilidade como de funcionalidade, e en moitos casos por encima. O mercado das aplicación de xestión e ERP é sumamente complexo entrando dende actores como as mais grandes multinacionais (Microsoft, SAP, etc) ata solucións desenvolvidas por provedores pequenos de alcance local e moitas veces moi sectorizadas con verticais moi específicos.
Unha das grandes vantaxes do software libre, e da cal Odoo se beneficia enormemente, é a da colaboración dunha comunidade sumamente activa que produce unha enorme cantidade de módulos a nivel mundial (máis de dos mil) que dan cobertura a case calquera funcionalidade de xestión. Isto para un software privativo é imposible de acadar.
A nivel de funcionalidade, en moitas das aplicacións, encóntrase á mesma altura que grandes solucións privativas. En canto á madurez, podería dicirse que xa acadou un nivel suficiente. Ademais pola súa natureza de software libre así como polo método de desenvolvemento e crecemento neuronal no que se basea, trátase dun software en constante e continua evolución e crecemento.
Que porcentaxe de casos de uso cubre Odoo?
Como vos comentaba antes, Odoo dispón de unha ampla cobertura funcional que daría solucións a múltiples casos, pero ben é sabido que cada empresa é un mundo e sempre aparecen novos casos .
No básico (e bastante máis) para as áreas de CRM, ventas, compras, xestión de almacén, produción, xestión de proxectos, facturación, contabilidade, trazabilidade alimentaria, xestión da calidade, marketing, e-commerce, etc.. podo dicir que, salvo necesidades puntuais a cobertura pode ser do 90%.
Salvo necesidades sectoriais específicas, cobre practicamente todo o proceso de xestión empresarial.
Canto pode supoñer en aforro de licenzas o emprego de Odoo?
Odoo non ten ningún custe de licenzas, co que se falamos exclusivamente deste custe o aforro é do 100%. Se falamos do TCO (o custe total) da implantación dun ERP, o custe das licenzas vén a a estar entre o 25% e o 50 % do custe total segundo diversos estudos, polo que ese mesmo porcentaxe sería aproximadamente o aforro contra unha solución privativa.
Pode supoñer un 30% do custe total de instalación.
Que vantaxes ten respecto doutras solucións?
Con respecto a outras solucións de software libre, o seu gran nivel de implantación tanto a nivel mundial como en España e en Galicia, onde somos varias as empresas, e cada vez mais, que prestamos servizos sobre Odoo.
Con respecto a algunhas delas, a non existencia de dúas edicións separadas (unha con custe e outra non), Odoo ten unha única edición totalmente libre.
A comunidade de partners e desenvolvedores é moito maior que a de calquera outro software similar, o que implica que o número e variedade de módulos e aplicacións é tamén moito maior, así como a súa evolución, mantemento e crecemento.
Posúe unha mellor interconexión con outras solucións e ferramentas externas, e permite implementar novas funcionalidades creando módulos e instalándoos no sistema.
En definitiva trátase dunha solución máis completa e versátil.
Que vantaxes ten respecto doutras solucións privativas?
A maiores do custe e da súa cobertura funcional (fundamental para un ERP), a independencia do provedor, o acceso a melloras constantes por parte da comunidade, a non limitación do uso polo número de licenzas contratadas, a posibilidade de darlle o uso que un queira e, se se dispón dun equipo de desenvolvemento propio, poder seguir a evolución da aplicación un mesmo.
Fundamentalmente as relacionadas coa súa condición de software libre. Por un lado carece de custes de licenza. Por outra parte, ao estar permitido o acceso ao código fonte, facilítase a conexión con outras aplicacións ás que teñamos tamén acceso ao código fonte ou coñezamos as súas APIs. O usuario ten a liberdade para executar o programa en calquera sitio, con calquera propósito e para sempre, podendo tamén mellorar para adaptalo ás súas necesidades.
Que servizos ofrecen as súas empresas sobre Odoo?
Todos os posibles: consultoría, análises de necesidades, instalación, parametrizacións, formación tanto funcional coma técnica, desenvolvemento de novas funcionalidades, mantemento de instalacións, soporte a usuarios, mellora de instalación xa realizadas, migracións entre versións, traspaso de datos doutras aplicacións, etc…
Ofrecemos todo tipo de servizos posibles en torno a esta solución: Análise, instalación, configuración, adaptación, desenvolvementos, asesoramento, formación e mantemento.
Ten desenvolvido algún módulo a medida para Odoo? Liberouno?
Moitos, non podería dicirvos a cifra, tanto para clientes como por colaboracións coa comunidade, especialmente na localización española.
Unha grande parte de todos estes módulos están publicados en plataformas coma Launchpad e Github.
Si, un módulo que amplía as opcións de exportación a Excel (account_balance_reporting_xls). Si liberámolo e vén de ser incluído recentemente no repositorio da localización a español de Odoo.
É vostede partner de Odoo? Que vantaxes ten isto para os seus clientes?
Si. As vantaxes son fundamentalmente poder acceder a descontos en contratacións de servizos coa empresa editora (OpenERP SA) e ter unha canle directa de comunicación con eles.
Si, somos partners de Odoo. Podemos así ofrecerlles aos noso clientes o mantemento oficial que oferta a compañía matriz Odoo.
Ofrece vostede esta solución como SaaS? En caso afirmativo, pola súa experiencia, os clientes soen preferir unha instalación propia ou usalo como servizo?
Non directamente, aínda que si a través de OpenERP SA e outros colaboradores. Nós non nos plantexamos a inversión na creación dunha plataforma SaaS que oferte un servizo de alta calidade, xa que non é o noso foco de negocio e deixámosllo os especialistas. O verdadeiro modelo de negocio do SaaS está na escalabilidade e por iso non cremos no fraccionamento desta oferta e ofrecémolo a través doutras empresas que prestan un moi bo servizo.
En canto ás preferencias dos clientes, aínda que non ofrecemos o servizo directamente, si podemos dicir que hai dúas variables fundamentais para os cliente á hora de escoller entre unha e outra opción: o nivel de personalización que se poda necesitar na implantación e que o SaaS non pode cubrir, e a mala conectividade en xeral no rural galego que imposibilita a oferta SaaS.
Si, ofrecemos a solución como SaaS, aínda que os noso clientes soen preferir a instalación nos seus propios servidores.
Canto creen que inflúe nos seus clientes o que Odoo sexa Software Libre?
Moi variable. Por dar unha cifra poderíamos dicir que un 25% si busca unha solución que sexa Software Libre porque coñece as vantaxes que isto ofrece, e, curiosamente estas son habitualmente as empresas e implantacións de maior tamaño. Outra parte chega atraida polo baixo custe e o “gratis”, eu non considero que esta parte veña realmente polo Software Libre.
A porcentaxe máis alta busca unha solución ás súas necesidades e se ademais disto, ten un custe menor e todas as vantaxes que o software libre implica, estes serán argumentos a maiores para seleccionar Odoo.
Cremos que ten unha repercusión importante, xa que por diversas razóns hai bastantes clientes que se deciden a contratar software libre; xa sexa por cuestións éticas, para non sentirse escravos das aplicacións ou polo aforro económico que supón tanto a curto como a longo prazo.
Para finalizar, gustaríanos coñecer algo máis de vós como provedores tecnolóxicos de Software Libre e da vosa opinión sobre este sector na nosa comunidade.
Que porcentaxe da súa facturación está relacionado con solucións de Software Libre?
Se falamos de servizos prestados o 100%. Realizamos tamén algunha venta de equipamento informático que en calquera caso representa unha moi pequena parte da nosa facturación.
O 100% da nosa facturación provén de servizos relacionados con solucións libres
Que solucións de Software Libre oferta?
Hoxe en día a nosa oferta de servizos fundamentalmente está baseada en Odoo. Complementariamente, e ben directa ou indirectamente a través de colaboracións con outras entidades tamén integramos todo tipo de solución que axuden na xestión da empresa (Alfresco, Asterisk, Redmine, etc) Tamén prestamos servizos adicionais especialmente no desenvolvemento de portais web con DjangoCMS, WordPress, Joomla e outros CMS libres.
Principalmente Odoo.
Colaboran upstream con proxectos de Software Libre?
Por suposto, é unha das bases da nosa empresa. Fundamentalmente con Odoo, na que levamos máis de 7 anos colaborando tanto no desenvolvemento da localización española (tradución, contabilidade, integracións bancarias,et…), como publicando todo tipo de módulos a nivel mundial, a maiores de revisións de código, propostas de mellora e participación en diversos eventos tanto de difusión como de coordinación dos desenvolvementos.
Ademais de Odoo procuramos ter colaboración, aínda que moito menos activa, noutros proxectos.
Si, fundamentalmente contribucións a Odoo, incluíndo ademais do módulo antes mencionado, colaboración coa localización da solución ao español e colaboracións nas listas e grupos da comunidade.
Forman parte de AGASOL?
En liña coa nosa implicación co software libre, Pexego é socio fundador de Agasol e membro da súa directiva.
Actualmente non, xa que inicialmente non foi unha prioridade para nós, pero estamos valorando unirnos.
Que opinión lles merece o tecido TIC galego?
Esta non é unha pregunta nada sinxela, pero creo que está bastante en liña co resto do sector TIC nacional. Aparte das grandes consultoras que operan ou teñen base en Galicia, existe unha ampla base de pemes e micropemes coma nós que prestamos un bo catálogo de servizo e establecemos colaboracións interesantes entre nós mesmas, especialmente no eido do software libre onde coido que sempre se está mais aberto a estas formas de traballar.
Outro tema é que quizais o noso tamaño de empresa en xeral non sexa o óptimo para competir no longo prazo.
Dende o noso punto de vista, o tecido TIC galego parece unha rede demasiado pequena e algo desestruturada, mais cremos que están en crecemento e mellorando a súa organización.
Na súa opinión, que iniciativas se deberían fomentar dende a administración para o fomento das TIC, e en particular do Software Libre, nas pemes?
Hai tempo escoitei a alguén nunha reunión informal que o único que pedía a administración era que ”non molestase”, referíndose especialmente a que máis que axudas directas á contratación de servizos TIC, axudasen na súa comercialización.
No tema das axudas, dende a a miña moi modesta opinión, sempre pensei que salvo moi xustificadas excepcións nas que non houbese alternativa, a administración debería obrigar á publicación de todo o desenvolvido con esa axuda baixo una licenza libre e completamente documentado para poder continuar o desenvolvemento, xa que entendo que a administración debería velar polo “ben común” e con estas medidas, tanto o propio tecido TIC local como outras empresas do mesmo ou de outros sectores beneficiaríanse destas axudas, podendo continuar con desenvolvementos complementarios ou simplemente aproveitando o que está feito e evitando a duplicidade na concesión de axudas reiteradamente para o mesmo a distintas empresas, e incluso, no caso das empresas TIC, abrindo novas liñas de negocio sobre ese novo software.
Na miña forma de vela (evidentemente desde o lado TIC) as axudas á implementación de TIC nas empresas, ou a contratación da administración pública, moitas veces non se plantexan na forma correcta e só se mira ao lado da empresa na que se vai a implementar a mellora, deixando de lado o fomento do propio tecido TIC local que debería dar continuidade e acompañar no longo prazo nestas implantacións. Moitas veces sucede o contrario, e estas axudas desvirtúan o mercado favorecendo a grandes consultoras, multinacionais externas e outros organismos deixando fóra de xogo ás empresas locais, o que nos leva ao principio da resposta, de aí o de “non molestar”.
O uso de estándares abertos na administración, empezando por realizar os seus documentos baixo estes estándares, e evitando na práctica a necesidade da compra dunha licencia privativa para poder comunicarse coa administración, serían pasos tamén axeitados neste sentido, xunto coa formación aos nenos e nas universidades con ferramentas libres.
Dende o noso punto de vista hai tres aspectos nos que debería incidir a administración pública: A utilización de Software Libre por parte da propia administración pública. A realización de campañas promocionais e educativas sobre que é e que non é Software Libre. A convocatoria de subvencións para a instalación de Software Libre nas empresas.
Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia
Para rematar, aproveitamos a ocasión para lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas.
Se vostede é unha empresa do sector TIC e está interesada en dar a coñecer as súas solucións TIC lembrámoslle que ten á súa disposición os servizos do Centro Demostrador TIC de Galicia, no que por exemplo poderá solicitar realizar unha sesión demostradora nas instalacións do centro.
Por outra parte, o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.
Se vostede é unha empresa de calquera sector produtivo e ten interese en coñecer solucións tecnolóxicas que cubran as súas necesidades, ten á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas que vostede ou a súa empresa poidan ter e que estean vinculadas coas TIC.
Finalmente, indicar que poden remitir as súas suxestións de artigos de difusión tecnolóxica sobre solucións libres a través do formulario de contacto do portal mancomún, ou do contacto da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega ou contactando co propio CDTIC.
Para aquelas persoas interesadas en coñecer máis detalles sobre software de xestión empresarial con software libre e Odoo/OpenERP, informamos que no portal do CDTIC está dispoñible tanto a presentación como a gravación en vídeo (parte 1 e parte 2) da xornada formativa demostradora “Xestión integral de empresas con Software Libre” que organizou o CDTIC en novembro de 2014.




