Neste artigo afóndase nas posibilidades da solución tecnolóxica owncloud como solución empresarial de almacenamento na nube con licenza libre.
Logo dunha breve introdución ás necesidades empresariais neste eido describimos brevemente as funcionalidades coas que conta owncloud.
Mais como probablemente o que máis poida axudar a unha empresa a tomar a decisión de empregar unha nova solución é coñecer a opinión de outros usuarios, falamos con dúas empresas galegas que están actualmente a empregar OwnCloud para ter a súa nube privada: Igneoma e Inprosec. Coñeceremos de primeira man cales son as súas impresións respecto desta solución, que lles motivou a empregala fronte a outras solucións así como as súas recomendacións.
Finalmente, un aspecto tamén importante na toma de decisións, é coñecer provedores próximos e de confianza que nos poidan axudar na tarefa. Por iso falamos tamén con dous provedores galegos de OwnCloud, Openinnova e Librebit, que nos darán a súa opinión ao respecto das funcionalidades, vantaxes e madurez de OwnCloud dende o punto de vista de empresa especializada.
Almacenamento de información na nube
Dende hai un tempo, as tecnoloxías de almacenamento de información na nube, estanse convertendo cada vez máis nun servizo case imprescindible no eido TIC, non só a nivel persoal senón como solucións profesionais.
Segundo o informe “Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nas empresas de Galicia” publicado pola Xunta de Galicia, a porcentaxe de empresas galegas que empregan algunha solución de almacenamento na nube é de arredor do 10% das micropemes e de ata un 19% das pemes. Son aínda cifras tímidas pero que van en aumento e comezan a ser significativas.
Entre o uso que as empresas fan destes servizos, destaca o almacenamento de información como o máis destacado (91,7% dos casos), sendo a outra principal utilización as copias de seguridade (53,5%).
No mesmo informe apúntanse algúns dos motivos polos que a implantación destes servizos é aínda escasa nas empresas galegas. O descoñecemento deste tipo de solucións, seguido da percepción de falta destas tecnoloxías para o desenvolvemento do negocio son as máis salientables, seguidas das dúbidas en canto a seguridade e confidencialidade da información e tamén os custes.
Solución de almacenamento na nube con software libre, OwnCloud
OwnCloud é unha das máis populares solucións de software libre que permite ás empresas crear a súa propia nube privada de almacenamento e compartición segura de ficheiros na nube, minimizando custes e garantindo a confidencialidade e seguridade dos datos.

Pódese ver coma unha alternativa a servizos máis coñecidos como Dropbox, Google Drive ou Ubuntu One, aínda que achega máis funcionalidades, xa que se pode ampliar engadindo aplicacións de todo tipo: música, vídeo, imaxes, notas, contactos, calendarios…
O sistema base conta con todas as funcionalidades básicas neste tipo de servizos:
- Almacenamento e sincronización de ficheiros entre diversos equipos
- Almacenamento seguro (cifrado de ficheiros)
- Sistema de control de versións dos ficheiros almacenados
- Compartir ficheiros publicamente e entre usuarios
- Interface web
- Visor de documentos (PDF e OpenDocument)
- Galería de imaxes
OwnCloud é multiplataforma, é dicir pode instalarse a aplicación cliente tanto no computador con sistema operativo GNU/Linux, OS X ou Windows, como en dispositivos móbiles: Android e iOS.
Existen diferentes alternativas para empregar Owncloud como a nosa solución na nube. Por unha banda existen fornecedores que ofrecen este servizo na nube, nos que podemos crear unha conta, ben de balde, ou de pago mensual, dependendo fundamentalmente do espazo de almacenamento dispoñible, de xeito similar a servizos como Dropbox ou Google Drive.
Mais onde verdadeiramente radica o potencial de Owncloud é na posibilidade de instalala nun servidor propio dentro da nosa empresa, ou contratar este servizo a un provedor local, o que nos permite manter o control e a seguridade dos nosos datos, o que fai máis doado garantir por exemplo o cumprimento da Lei de protección de datos.

Se vostede está interesado en probar owncloud, lembrámoslle que ten á súa disposición a posibilidade de facelo de maneira gratuíta a través do Centro Demostrador TIC Virtual. Con só rexistrarse como usuario do CDTIC poderá e solicitalo, disporá dunha instalación de owncloud durante 15 días para o seu uso exclusivo. Poderá pois libremente avaliar a utilidade e adecuación ás súas necesidades desta solución.
Casos de éxito
Sen dúbida a visión dunha empresa usuaria da ferramenta vai estar moito máis aliñada coas posibles necesidades e inquedanzas doutra empresa que estea valorando se unha solución deste tipo pode serlle de utilidade.
Así pois falamos con dúas empresas galegas que están actualmente a empregar OwnCloud para ter a súa nube privada. Coñeceremos de primeira man cales son as súas impresións respecto desta solución, que lles motivou a empregala fronte a outras solucións así como as súas recomendacións.
| Empresas entrevistadas | |
|---|---|
![]() | Igneoma, unha empresa de servizos tecnolóxicos que emprega OwnCloud instalado nos seus propios servidores gracias ao asesoramento da empresa tecnolóxica Openinnova |
![]() | Inprosec, unha empresa dedicada á consultoría de seguridade da información, que pola contra, despois de ter empregado unha instalación propia de OwnCloud, agora confían no provedor tecnolóxico Librebit para dispoñer deste servizo de almacenamento. |
Que necesidades TIC lles levaron a empregar a solución OwnCloud?
Igneoma: Unha solución para almacenar ficheiros de maneira accesible, rápida e cómoda.
Inprosec: A necesidade de ter unha opción de copia de seguridade transparente ao usuario e cunha xestión sinxela.
Como coñeceron OwnCloud?
Igneoma: Grazas a Openinnova.
Inprosec: Buscando diferentes alternativas para simplificar os procedementos de copias de seguridade e de alta dispoñibilidade. Precisabamos unha solución que nos dese alta dispoñibilidade, se fose posible, ou mediante redundancia nos datos en tempo real.
Elixiron facer unha instalación propia de OwnCloud ou están a empregala como servizo na nube? Por que?
Igneoma: Instalación propia para ter maior flexibilidade interna e para integrar con outros sistemas.
Inprosec: En principio montamos nós a solución no propio servidor da empresa. Unha vez que nos propuxemos externalizar outros servizos, falamos co provedor para que incluíran Owncloud dentro da oferta.
Cubriu totalmente OwnCloud as súas expectativas e necesidades?, en caso de que non, que lle faltaría?
Igneoma: Si, ten moitas posibilidades a futuro que probablemente vaiamos precisar.
Inprosec: Por agora si, salvo casos puntuais de seguridade, coma almacenaxe das contrasinais en texto claro nun ficheiro de logs.
Que vantaxe ou vantaxes supuxo a implantación de OwnCloud nas súa empresas?
Igneoma: Cubrir unha necesidade.
Inprosec: Alixeirar a carga de traballo aos responsables de sistemas e simplificar a externalización de certas copias de seguridade.
Recomendarían o uso de OwnCloud a outra empresa?
Igneoma: Si, por suposto.
Inprosec: Se se adapta as súas necesidades, si.
Sabían o que era o Software Libre antes de implantar OwnCloud?
Igneoma: Si, tiña algunha idea pero grazas a Openinnova que nos axudou, as dubidas que tiñamos quedaron arranxadas.
Inprosec: Si.
Tivo algún peso na elección da solución que esta fose Software Libre?
Igneoma: Si, adaptábase perfectamente ao que precisabamos. Para poder adaptalo aos nosos sistemas.
Inprosec: Tivo un peso determinante o prezo, a compatibilidade e a usabilidade.
Valoraron algunha outra alternativa? De ser así, que foi o más determinante á hora de escoller esta e non outra?
Igneoma: Non encontramos alternativa mellor en relación calidade-prezo.
Inprosec: Si, outras coma BitTorrentSync, Box ou Dropbox. En total avaliamos unhas 10 opcións. A facilidade de instalación e de xestión/mantemento foi o determinante.
Provedores galegos de OwnCloud
Agora que coñecemos algo máis desta solución e a opinión de dúas empresas que a están a empregar de maneira satisfactoria, outro dos aspectos que nos poden axudar a tomar unha decisión é coñecer a dispoñibilidade e opinión de provedores que nos ofrezan servizos en torno a ela.
A pesar de que a instalación dun servidor de OwnCloud é bastante sinxela e existe moita documentación ao respecto, certamente non é unha tarefa que estea ao alcance de calquera. Para que todo funcione ben e se poidan aproveitar realmente todas as vantaxes de ter a nosa propia nube privada é preciso realizar unha correcta labor de configuración e mantemento.
Por sorte, ao ser unha aplicación de software libre podemos atopar empresas preto de nós que ofrecen un amplo catálogo de servizos de soporte para a instalación, configuración e mesmo, se o precisamos, mantemento dun servidor de OwnCloud propio.
Contactamos con dúas delas, Librebit e Openinnova, que nos achegan a súa opinión ao respecto das funcionalidades, vantaxes e madurez de OwnCloud dende o punto de vista dunha empresa especializada.
| Provedores tecnolóxicos | |
|---|---|
![]() | Openinnova, provedor tecnolóxico de solucions baseadas en Software Libre ofrecendo servizos sobre servidores GNU/Linux, solucións de xestión empresarial ERP e CRM, desenvolvemento e deseño web, tendas en liña, cloud computing, etc |
| Librebit, consultoría especializada en deseño e integración de solucións de xestión empresarial, administración e soporte de sistemas informáticos baseados en GNU/Linux, deseño e impartición de formación presencial e en liña en Software Libre. |
Como dirían que se atopa OwnCloud respecto de alternativas privativas en termos de madurez e funcionalidade?
OpenInnova: É un proxecto moi maduro, xa esta na súa versión 7. Isto é moi importante xa que é relativamente xove, foi creado no ano 2010.
Librebit: A nova versión 7 é completamente estable e lista para produción. As funcionalidades incorporadas de serie son variadas, entre elas: Sincronización de múltiples dispositivos con aplicacións para todas as plataformas e «smartphones», delegación de permisos por usuarios e grupos, limitación por cotas, compartición de ficheiros con outros usuarios internos e mesmo externos ao OwnCloud. Ten unha posibilidade a maiores que incluso usuarios externos ao servizo poden subir información a través dunha ligazón pública. Versionado dos documentos que se actualizan, edición en liña dos documentos de texto, recuperación dos ficheiros eliminados, galería automática das nosas imaxes para velas como presentación, servidor de música incorporado que rexistra todas as nosas cancións, «streaming» en liña dos vídeos a través do servizo web, calendario colaborativo, axenda de contactos común, servidor de novas (moi empregado logo da desaparición de Google Reader), e moitas máis que os desenvolvedores de «plugins» de terceiros contribúen ao proxecto.
Que porcentaxe de casos de uso cubre OwnCloud?
OpenInnova: Pois pódese adaptar a calquera necesidade na que se faga uso de documentos dixitais verdadeiramente.
Librebit: O máis demandado polos nosos clientes é loxicamente a sincronización de ficheiros entre diferentes dispositivos sen limitación de espazo, só o tamaño do disco duro é o limitante.
Canto pode supoñer en aforro de licenzas o emprego de OwnCloud?
OpenInnova: Un aforro moi elevado. No só é o aforro de licenzas senón todas as vantaxes e posibilidades que achega.
Librebit: O emprego de OwnCloud ten dúas partes: o programa servidor e o programa cliente. O proxecto OwnCloud desenvólvese baixo licenza AGPLv3 (Software Libre) e ademais é de balde. Isto supón que as distribucións de GNU/Linux inclúen de serie este servizo e a súa instalación é sinxela. Na parte dos programas clientes, case todos son de balde tamén.
Que vantaxes ten respecto doutras solucións?
OpenInnova: Unhas das principais é que non só é un disco duro na nube senón que se poden ampliar todas as súas funcións con engadidos ou plugins que potencian a solución que se pode ofrecer ao cliente.
Librebit: O proxecto de OwnCloud probablemente sexa o proxecto máis importante e máis maduro no que se refire ao almacenamento na nube e compartición de ficheiros dos desenvolvidos con Software Libre. Xa vai pola súa versión 7 e conta cunha capacidade resolutiva dos incidentes de seguridade moi elevada por parte dos desenvolvedores.
Que vantaxes ten respecto doutras solucións privativas?
OpenInnova: Principalmente que os datos son teus e ti os xestionas con todas as facilidades e comodidades que che da OwnCloud. Podendo ampliar capacidades e funcións á hora de traballar con eles ou difundilos.
Librebit: Dúas son as principais vantaxes: Privacidade e control da información que ten a propia entidade nos seus propios servidores. Capacidade ilimitada. Só o tamaño do disco duro limitará a cantidade de información.
Que servizos ofrecen as súas empresas sobre OwnCloud?
OpenInnova: Basicamente implantacións en empresas para cos seus datos dende unha nube privada corporativa. Integracións con outros software da empresa. Modificacións e creación de novas funcionalidades baseadas nel…
Librebit: Librebit ofrece o servizo de OwnCloud coas súas aplicacións de serie. A isto hai que sumarlle o excelente nivel de servizo e de xestión de incidentes que temos actualmente implantado na compañía co que damos resolución a calquera problema ou petición que teña o cliente. Sempre debe ter a súa información con plenas garantías de seguridade: Dispoñible as 24 horas, os 365 días do ano. Íntegra e sen erros e dun xeito confidencial.
Canto creen que inflúe nos seus clientes o que OwnCloud sexa Software Libre?
OpenInnova: O cliente valora sobre todo que se lles dea solución a un problema concreto e logo é cando entra a valorar as vantaxes de que sexa software libre ou non.
Librebit: Probablemente pouco. O que procuran é unha solución tecnolóxica que cubra os seus requirimentos e sexa segura.
Pola súa experiencia, os clientes soen preferir unha instalación propia de OwnCloud ou usalo como servizo? A que pensan que se debe?
OpenInnova: A gran maioría das veces faise unha instalación propia para o cliente, á que nós damos soporte e xestionamos. O cliente quere ter maior control sobre o sistema, isto é unhas das vantaxes de que sexa software libre, o cliente e nós temos liberdade de elección de cal é a solución a implantar.
Librebit: Normalmente o empregan como servizo. Isto débese a que nos nosos servidores pode acceder dun xeito universal a través de Internet e dende calquera lugar cun excelente ancho de banda. Se se instala nun servidor interno da empresa é necesario que teña unha conexión de Internet para a saída de datos moi alta se os clientes conéctanse dende o exterior.
Para finalizar, gustaríanos coñecer algo máis de vós como provedores tecnolóxicos de Software Libre e da vosa opinión sobre este sector na nosa comunidade.
Que porcentaxe da súa facturación está relacionado con solucións de Software Libre?
Openinnova: O 100% do noso traballo baséase en solucións de Software Libre.
Librebit: Practicamente a totalidade da facturación é posible grazas ao Software Libre. O noso valor engadido ofrecémolo cos servizos de monitorización, control e mantemento dos sistemas informáticos dos nosos clientes.
Colaboran upstream con proxectos de Software Libre?
OpenInnova: Si, contribuímos sempre para mellorar o software co que brindamos solucións aos nosos clientes.
Librebit: Principalmente co que se chama «feedback» aos desenvolvedores, é dicir, informándolles das incidencias ou resultados das probas realizadas.
Forman parte de AGASOL?
OpenInnova: Colaboramos con eles. Pero non somos membros.
Librebit: Si. Formamos parte de AGASOL dende a súa constitución. Coido que unha entidade como a nosa, que ofrece todos os seus servizos baseados en Software Libre, tiña como imperativo pertencer á Asociación que nos deu un pulo en Galicia e coa que estamos gratamente traballando. Seguimos participando activamente nela tamén polo espírito de colaboración que nos lembra ao que ocorre no desenvolvemento do Software Libre.
Que opinión lles merece o tecido TIC galego?
OpenInnova: Cremos que existen moi boas ideas, proxectos e empresas que os levan a cabo.
Librebit: É un tecido rico, activo e tremendamente minifundista. Incluído nós como empresa metémonos nesta definición. É algo que hai que asumir como moi «galego» pero que ten que ser afrontado para poder crecer. Actualmente colaboramos con outras empresas para ofrecer servizos conxuntamente, en particular cando temos un cliente con software privativo e software libre.
Na súa opinión, ¿que iniciativas se deberían fomentar dende a administración para o fomento das TIC, e en particular do Software Libre, nas pemes?
OpenInnova: O maior problema das pemes en moitas ocasións, e máis neste contexto de crise económica, é a inseguridade, por iso creo que non se inviste en innovación de cara ao futuro e isto é un dos maiores erros. Hai que investir en melloras tecnolóxicas que consigan que o traballo se faga con mellor calidade e mais económico. O Software Libre é fundamental niso.
Librebit: A administración ten un carácter «tractor» no que se refire ás TIC. É o maior cliente tecnolóxico e ten un impacto importante sobre a cidadanía, porque todos temos que contactar con ela dun xeito ou doutro. Ademais calquera modificación que faga a nivel interno ou externo implicará a adaptación tanto dos seus provedores como da cidadanía. É por isto polo que o fomento de estándares abertos e as tecnoloxías sen «royalties» posibilitará o desenvolvemento desa interoperabilidade facendo do Software Libre a solución tecnicamente viable, economicamente sostible e socialmente xusta nuns tempos de escaseza de medios.
Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia
Para rematar, aproveitamos a ocasión para lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas.
Se vostede é unha empresa do sector TIC e está interesada en dar a coñecer as súas solucións TIC lembrámoslle que ten á súa disposición os servizos do Centro Demostrador TIC de Galicia, no que por exemplo poderá solicitar realizar unha sesión demostradora nas instalacións do centro.
Por outra parte, o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.
Se vostede é unha empresa de calquera sector produtivo e ten interese en coñecer solucións tecnolóxicas que cubran as súas necesidades, ten á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas que vostede ou a súa empresa poidan ter e que estean vinculadas coas TIC.
Finalmente, indicar que poden remitir as súas suxestións de artigos de difusión tecnolóxica sobre solucións libres a través do formulario de contacto do portal mancomún, ou do contacto da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega ou contactando co propio CDTIC.



