Mancomún

Songbird 1.4.3 dispoñible 100% en galego

Martes, 12 Xaneiro 2010

Logo de SongbirdOnte mesmo, Carlos Neira coñecido na rede como Calidonia, daba conta na rolda da comunidade de tradución ao galego g11n, que xa estaba dispoñible a tradución ao galego da última versión do Songbird.

Segundo relata no seu blogue, comezou a facerse cargo das traducións ao galego deste aplicativo alá polo nadal de 2007 e comenta tamén as principais razóns que o levaron a asumir esta tarefa: “A principal era ser o SongBird unha aplicación multiplataforma, capaz de ser executada non só en GNU Linux, o sistema operativo de aplicacións libres máis estendido, senón tamén en Microsoft Windows, de sempre o máis usado, e por suposto en Mac OS. Outro dos motivos que me levaron a pór mans á obra foi o feito de ser unha aplicación Mozilla, cunha nutrida comunidade de desenvolvedores, colaboradores e usuarios atrás. Tamén me axudou a decidirme que, a diferenza das aplicacións de ofimática, no ámbito dos reprodutores multimedia non existía unha aplicación libre dominante, existindo pola contra unha oferta moi diversa pero atomizada.

Relacionado con este aplicativo, coñecéronse recentemente tamén os detalles do acordo acadado entre a empresa Philips e os desenvolvedores de Songbird, grazas ao cal os reprodutores GoGear de Philips incluirán SongBird de forma predeterminada.
Para que isto sexa posible, Songbird desenvolverá unha versión especial do aplicativo con algúns cambios como o soporte nativo para este tipo de dispositivos de Philips de forma que poida recoñecer exactamente o modelo de reproductor que se está a empregar, de igual modo que o iTunes detecta o modelo de iPod que se está a sincronizar.

O interesante do asunto é que Philips consegue así un reprodutor de código aberto e compatible con Windows, Mac e Linux, o que lle pode dar unha vantaxe fronte aos seus competidores ao abarcar usuarios de todas as plataformas.

Fonte: g11n

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal