Mancomún

Splashtop sae ao mercado integrado nas placas base ASUS

Xoves, 15 Maio 2008
Device VM, desenvolvedor de Splashtop, anunciou onte a difusión deste innovador proxecto a través de catro modelos novos de placas ASUS. Esta marca integrou Splashtop na súa familia de produtos P5Q, estendendo a posibilidade de uso a un total de doce. Os novos modelos son, concretamente, P5Q Deluxe, P5Q-WS, P5Q3 Deluxe e P5Q-E.

SplashTop é un escritorio Linux lixeiro que, baseado nun microsistema GNU/Linux preinstalado na placa base, é capaz de proporcionar en cinco segundos acceso a Internet e VOIP sen necesidade de instalación previa.

Estas placas, cuxo nome comercial é “ASUS Express Gate”, contan cun navegador web baseado en Firefox e un cliente Skype. Ao iniciar o computador vese unha pantalla na que podemos escoller entre navegar ou usar VOIP.

Pódese ver un vídeo demostrativo en YouTube .

O cofundador de DeviceVM, Mark Lee, mostrou a súa satisfacción pola difusión do seu produto a través de ASUS. Segundo explicou “esta empresa non é só lider na innovación en hardware computacional, senón que ademais contribúe activamente na mellora da experiencia do usuario final a través do desenvolvemento de software”.

Fonte: http://www.prweb.com

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal