Mancomún

Subvención de Industria para que os autónomos merquen computadoras con Linux

Mércores, 8 Outubro 2008

Os traballadores autónomos de Galiza poderán pedir axudas para a adquisición de computadores a partir do xoves 9 de outubro. Os equipos informáticos que adquiran, en virtude desta subvención, contarán con ferramentas ofimáticas de Software Libre de xeito gratuíto, con independencia de que dispoñan doutras aplicacións de pago que poidan interesar ao traballador.

Con este propósito a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria fixo entrega previamente ás entidades asinantes de dous CDs cos programas de instalación de Linux e aplicativos de software libre, así como dun DVD con ferramentas de xestión para PEMES. Con isto facilitouse o cumprimento das obrigas por parte dos comercios para a xestión desta liña de axudas.

A subvención, convocada pola Dirección Xeral vai dirixida a traballadores dados de alta no Réxime Especial da Seguridade Social, con domicilio e alta fiscal no IAE para a súa actividade económica en Galiza, agás os comerciantes retallistas, para os que xa existe unha liña de axudas específica.

A axuda acadará o 45% do investimento, cun límite máximo de 350 euros por solicitante. Non serán subvencionábeis a adquisición de licenzas de software adicional, outros periféricos ou outro tipo de dispositivos distintos do computador.

As subvencións tramítanse directamente a través dos provedores de equipamento informático que solicitaron ser entidades colaboradoras da Consellería de Innovación e Industria para o desenvolvemento desta liña de axudas, e que se pode consultar no DOG deste 8 de outubro.
As persoas traballadoras autónomas que se queiran acoller ás subvencións, deberán presentar na entidade colaboradora a seguinte documentación:
  • Copia do DNI ou NIE, en vigor, no que deberá constar o enderezo dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Copia de documento de pago mensual á Seguridade Social do mes anterior á solicitude, do Réxime Especial de Traballadores Autónomos.
  • Identificación, por declaración do solicitante, do epígrafe do IAE e localidade da Comunidade Autónoma de Galicia na que se atopa dado de alta censual no IAE.
  • Exclusivamente para o caso de que o DNI ou NIE non acredite o domicilio dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá requirirse do solicitante a presentación de certificado expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria no que figure o domicilio fiscal do solicitante. A antigüidade máxima deste certificado será de 3 meses.
A concesión da subvención será inmediata no caso de que o solicitante cumpra con todos os requisitos para ser beneficiario, e o crédito total destinado a esta liña de axudas non estea esgotado. O prazo de solicitude ábrese o 9 de outubro e seguirá vixente durante o ano 2009, até esgotar o crédito total consignado pola Consellería de Innovación e Industria para este proxecto, que son 659.400 € no ano 2008 e 999.950 € no ano 2009. Esta axuda conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.
Fonte: Sociedade da Información
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal