Que significa o software libre para Tagen Ata?
Cristina. Fundamentalmente, Tagen Ata naceu vencellada ao software libre. Comezamos polo seu propio uso porque nos parecía unha oportunidade para unha empresa que estaba a nacer, pero, ao mesmo tempo, tamén xurdiu un compromiso coa súa difusión, co seu desenvolvemento e con toda a súa mellora. Quixemos vinculalo á promoción da lingua galega, que é o nexo común de todos os proxectos de Tagen Ata, e apostamos por ferramentas que permitían ser aproveitadas para darlle un espazo ao galego e que tiñan un carácter máis social dentro do ámbito das novas tecnoloxías. Entón a localización de software libre foi algo moi importante no que nos metemos por vontade propia e do que se creou, posteriormente, un grupo profesional de traballo. Nós cremos firmemente que, para unha persoa, atopar o galego nun aplicativo é algo positivo per se.
Segundo estas ideas de compromiso persoal pero tamén de interdisciplinariedade, cal é o perfil das persoas que integran Tagen Ata?
Cristina. Dende un comezo tivemos claro que o traballo en lingua precisa de integración de grupos transversais. Nós contamos dende xente especializada en intervención social, pedagoxía, socioloxía ou filoloxía até xente informática, porque para nós a transversalidade da formación do grupo é moi importante. Despois, a implicación persoal é algo que xa vén dado polo propio carácter da empresa. Ao tratarse dunha cooperativa con clara vertente social, intentamos que o grupo se implique a todos os niveis e eu creo que iso tamén é a clave para que a transversalidade do coñecemento se leve a cabo.
Resulta complexo compatibilizar ambas cuestións?
Cristina. Realmente si, porque as linguas son diferentes e os propios códigos de cada ámbito de formación difiren enormemente. Isto é algo que dende Tagen Ata tratamos de minimizar, facendo o coñecemento entendíbel e aproveitábel. Pero hai que ter en conta que o feito de que unha persoa filóloga vexa a importancia da sistematización ou dun etiquetado para un aplicativo require un tempo de aproximación ás novas tecnoloxías, pero que é preciso tamén á inversa.
Dificultade á que se engade a inconcreción do galego no que se refire a consenso terminolóxico. Cal é a vosa postura neste sentido?
Cristina. Nós pensamos que a lingua non pode ser tan prescritiva. A cantidade de termos que xorden coas novas tecnoloxías é moi ampla e, evidentemente, non podemos estar esperando a que se certifiquen ou a que veñan acuñados todos os termos. Aínda así, temos que tratar de buscar a coherencia da tradución e procurar termos que vaian asentándose de acordo cunha calidade terminolóxica, porque estes aplicativos supoñen un uso social do galego. A primeira tradución importante que fixemos en Tagen Ata foi o GNOME 2.16, que requiriu un traballo terminolóxico moi forte. Porque hai que ter en conta que nel hai dende un aplicativo que está falando de xogos- coa súa linguaxe propia- até un aplicativo que fala de servidores. Entón sempre debe existir un traballo de investigación terminolóxica cunha parte filolóxica moi importante. Evidentemente, non podes inventar unha palabra que non existe no galego -aínda que existe o concepto de préstamo-, logo hai que buscar o termo máis acaido ao uso buscado ou, pola contra, valorar se fas a tradución ou non; por exemplo, software xa non o imos traducir a estas alturas.
En localización de software libre atopamos o binomio comunidade-empresa. Cal credes que debe ser o rol de cada un destes axentes?
Cristina. Para nós a comunidade é algo co que temos que interaccionar. Nos proxectos nos que estivemos, sempre tivemos moi boa relación coas persoas responsábeis dos repositorios e, moitas veces, acababan incluso por integrarse dentro dos proxectos. Somos conscientes do inmenso traballo que require unha localización, tanto para unha empresa coma para un voluntario, por iso apoiámonos en estándares e ferramentas que nos permitan reaproveitar o traballo terminolóxico.
Gonçalo. Revertimos o coñecemento na sociedade e buscamos que o noso traballo non se perciba como unha intrusión, senón como algo que é beneficioso para a comunidade. Para iso analizamos sempre os antecedentes do proxecto: qué comunidade existe nesa zona na que queres intervir, qué comunicación hai con esas persoas, qué valoración do traballo existe e, sobre todo, buscar que ese traballo se reciba correctamente. Todo este círculo que está promocionando Mancomún nas últimas reunións de software libre con empresas, coa comunidade de tradución e co resto dos axentes debe ser realmente iso, un círculo. Debe primar a comunicación.
Falas de intrusión, cres que nalgún momento o traballo de localización realizado polas empresas podería ser entendido coma unha agresión á comunidade?
Gonçalo: Non creo que haxa nin que se estea a xerar ningún tipo de conflito. Un traballo realizado por unha empresa terá menos eivas que un traballo realizado cen por cen pola comunidade. Pero é normal, porque un traballo profesional exixe un acabamento moito maior. Entón, o que é preciso, é que ese traballo realizado pola empresa sexa reaproveitado polas persoas que traducen voluntariamente.
Quen credes que pode traducir software ao galego?
Cristina. O tema de localizar software voluntariamente pode ser trasládabel á tradución voluntaria en calquera outro ámbito. A lingua é unha cuestión que, moitas veces, ten unha transversalidade clara. É dicir, hai xente que pode estar corrixindo un texto en galego sen ser filólogo, pero non quere dicir que non haxa uns criterios e que estes sexan tan doados de acadar se non tes unha formación específica. Á comunidade non se lle pode esixir que teña o nivel de lingua que ten un lingüista, polo menos a nivel de corrección e de coherencia terminolóxica, pero seguramente tamén teñan as súas achegas, que, por suposto, defenden. Pero a nivel profesional non se pode estar debatendo cada termo cando as palabras son infinitas. Entón a comunidade ten o seu espazo e a empresa outro. Pero isto non é un problema, é un beneficio porque cada quen ten o seu papel. O debate non é o de quén pode traducir, traducir pode traducir calquera.
Como valorades a participación que está a ter Mancomún como mediador entre ambos axentes?
Gonçalo: O papel que está a asumir Mancomún é moi importante. É un nexo onde nos podemos encontrar e implica dinamización do espazo. Mancomún está fornecendo ferramentas para que a comunidade poida tornarse nunha importante masa crítica. Os roles xa se distribuirán posteriormente dentro da propia comunidade conforme a propia traxectoria que ten.
Unha das últimas ferramentas achegadas por Mancomún foi o Manual de localización, como tradutores de software que opinión vos merece?
Gonçalo: Nun traballo colectivo nunca vas estar de acordo ao cen por cen cos criterios establecidos, pero o importante é que recolle os distintos criterios que hai, que filtra os puntos de non entendemento entre unha persoa voluntaria e unha empresa. Ademais o documento está aínda mudando. Pero insisto en que dá igual en que estadio estea, o importante é que é unha ferramenta de intervención útil, sobre todo para o mundo voluntario, que é para quen está proxectada.
Será posíbel chegar a unha versión definitiva?
Gonçalo. Eu relativizaría un pouco isto porque en novas tecnoloxías, linguas novas son todas. Os debates que se producen en galego prodúcense en moitas outras, só hai que observar as dinámicas. O que é realmente definitorio é que unha comunidade teña saúde Por exemplo, se necesitamos organismos que coma Mancomún inxecten enerxía aí para que as cousas anden, as cousas van andar. Criterios de lingua? Para iso se están fixando estándares, se está facendo un manual. Quen pode traducir? Todo o mundo. Se ao mellor eu sei máis de lingua, seguramente tamén hai xente voluntaria que leva un montón de anos traducindo, en comunidades como en Trasno por exemplo, que sabe moito máis doutras partes.
Estamos logo nunha situación óptima con respecto á comunidade?
Gonçalo. Non, pero estamos no bo camiño.
En que habería que incidir?
Gonçalo. En conseguir máis masa crítica, por exemplo, doutros ámbitos. Unha das últimas propostas que se fixeron foi conseguir persoas da universidade -filoloxía, tradución…- Porque son persoas con coñecementos específicos bastante grandes e que poden ser puntos interesantes de captación para favorecer a comunidade. Asemade hai que intentar que esa masa crítica se organice e que asuma roles, porque agora mesmo están distribuídos e, as capacidades que hai, consisten en que un faino todo e traballa moito. Polo demais, estamos moi ben no ámbito institucional e no empresarial.
O corrector ortográfico Exeria
Que ten de novidoso o corrector Exeria?
Gonçalo. Como novidade dous puntos: por un lado, que sexa de software libre e que se integre no OpenOffice.org -nos poucos existentes no Estado non é unha das características que se contemplen-; a outra é que os programas que están funcionando son basicamente bases de datos con correspondencias lineares, isto é, un termo co seu correspondente. Aquí hai interacción coa lingua no seu nivel morfolóxico, é dicir, hai unha análise detrás que permite detectar as palabras candidatas que se marcaron previamente como sexistas… Isto conséguese co Freeling e coa interacción da análise morfolóxica integrada no motor do corrector, que foi a parte que desenvolveu Imaxín.
Como se distribuíu o traballo entre as empresas colaboradoras?
Dende Tagen Ata, construíronse as regras e precisouse a base léxica. Imaxin desenvolveu o motor e a interface do aplicativo baseándose en Freeling. Freeling é un analizador morfolóxico para galego pouco explotado e que habería que rendibilizar moito máis, posto que a súa característica de non linearidade dálle unha escalabilidade moito maior. Daquela, non é tan importante a listaxe final de termos, senón a dinámica cos adxectivos e coas contraccións, de xeito que se fai posíbel unha análise do peso das palabras en contexto e en semántica.