O grupo SING (Sistemas Informáticos de Nueva Generación) da Universidade de Vigo en colaboración coa empresa galega Ultreia, desenvolveron un proxecto conxunto para a optimización de filtros intelixentes antispam. 
Neste proxecto, parcialmente financiado pola Xunta de Galicia, desenvolveron un banco para a optimización da configuración de filtros baseados en SpamAssasintm para unha colección dada de mensaxes, ao que bautizaron co nome de Grindstone 4 Spam e que publican baixo a licenza libre GPL.
Grindstone for Spam1.0 é unha ferramenta lixeira de fontes abertas, deseñada para axudar no desenvolvemento de filtros baseados en SpamAssasin e mellorar o seu rendemento. É o resultado dun proxecto de I+D de 30 meses de duración, durante os que se analizaron máis de 10 millóns de mensaxes de correo electrónico, estudáronse a evolución e cambios nas estratexias de envío de mensaxes por parte de spammers e o impacto que os métodos de aprendizaxe teñen sobre a eficacia de SpamAssassin.
As principais características introducidas en GS4Spam céntranse en aforrar tempo aos administradores de sistemas ao engadir regras, na optimización da velocidade das Bases de Datos Bayesianas e na avaliación dos filtros sen conexión. Estes obxectivos guiaron o deseño de varias ferramentas que conxuntamente conforman GS4Spam.
Mediante este sistema, e tras as probas experimentais, os seus desenvolvedores agardan mellorar a efectividade do seu sistema antispam nun 80%, superando o 99% de spam eliminado cunha probabilidade de falso positivo inferior ao 0,001%.
Na web do proxecto é posible descargar a ferramenta, consultar en detalle as súas especificacións así como as instrucións de uso.
Desenvolvedores
SING Group agrupa a un número reducido de investigadores da Universidade de Vigo co obxectivo de desenvolver modelos intelixentes e despregalos en contornos reais. Unha das liñas de investigación máis destacables deste grupo son as técnicas anti-spam. Os proxectos deste grupo de investigación sempre seguen un punto de vista práctico aínda que tendo en consideración por suposto os aspectos formais precisos en calquera traballo de investigación.
Ultreia Comunicaciones é unha empresa consultora especialista en Ciencias da Computación con gran experiencia no desenvolvemento e optimización de filtros antispam e involucrada na investigación destes temas. Esta empresa naceu no ano 2002 co propósito de proporcionar servizos de seguridade, comunicacións e mantemento de servidores UNIX. Ultreia é unha das empresas que forman parte de AGASOL.
Fonte: Ultreia
