Un grupo de desenvolvemento da ENAC desenvolveu unha proba de concepto que permite engadir capacidades multitáctiles ao núcleo Linux de forma nativa. Este grupo amosou xa un vídeo no que se poden ver efectos multitáctiles tales como redimensionar ou rotar xanelas empregando o núcleo Linux 2.6.30. Esta tecnoloxía está baseada nas recentes contribucións de Henrik Rydberg ao sistema de entrada de datos de Linux, e foi desenvolvida en colaboración co equipo de desenvolvemento do núcleo.
Os autores desta tecnoloxía son Mohamed-Ikbel Boulabiar, Stephane Chatty, e Sebastien Hamdani, do laboratorio de Computación Interactiva da ENAC (a Escola Nacional de Aviación Civil, en Toulouse, Francia).
É de resaltar que este proxecto é diferente á tecnoloxía Multi-Pointer X (MPX), integrada na versión 7.5 do servidor gráfico X.org. Mentres que MPX era unha modificación do servidor X que permitía ter diferentes punteiros no nivel do sistema de xanelas, o código escrito na ENAC ofrece capacidades mutitáctiles nativas ao nivel do núcleo.
De acordo coa páxina do proxecto, o código de demostración le a entrada directamente do dispositivo de entrada ("/dev/input/eventX"), sen que o servidor gráfico se vexa involucrado no manexo da entrada de datos. A demostración efectúa un recoñecemento de xestos simple, e envía mensaxes ao xestor de xanelas Compiz Fusion a través de D-Bus.
Fonte: LinuxDevices.com
