A sección El Abogado del navegante do xornal El Mundo analiza esta semana un caso práctico para aconsellar o cambio ao SwL ante as prácticas abusivas das empresas desenvolvedoras de software privativo
“Imaxinemos que unha empresa ten un “software” ou un “hardware” que só, única e exclusivamente funciona cun sistema operativo que o fabricante deixou de vender. O funcionamento desta depende dese sistema operativo para que determinado software e hardware funcionen. Que debe facer a dirección da empresa? ”. Esta é o presuposto que presenta esta semana o diario El Mundo a través da súa sección El Abogado del Navegante.
A resolución do conflito, así como a argumentación para chegar a este non deixan de ser cando menos interesantes. Partindo da premisa de se é licito que a dirección da empresa copie ou piratee ese sistema operativo que o fabricante non quere vender, o artigo afonda na situación de indefensión do consumidor ante as estratexia abusiva de vendas do provedor.
Remitíndose á Lei de Propiedade Intelectual, o avogado do navegante atopa certos capítulos e epígrafes que puidesen xustificar o dereito do cliente a adquirir novamente as licenzas do programa desfasado, pero os cales acaban sendo desbotados pola pouca consistencia que terían fronte a argumentación dun “enérxico e vigoroso letrado” ao servizo da multinacional provedora.
O consello é claro, a directiva da empresa debería optar por pasarse ao SwL, porque, segundo alega sabiamente o autor do artigo, “a liberdade é daquel que posúe o seu propio código”.
