Mancomún

Tegnix busca novos profesionais para integrarse no equipo docente de Aula Tegnix

Luns, 7 Outubro 2013

Logo da aula tegnixTegnix é unha empresa galega que vén desenvolvendo a súa actividade como consultora altamente especializada en Software Libre dende o ano 2004, despregando proxectos tecnolóxicos e realizando accións formativas a través de Aula Tegnix, con calidade certificada e recoñecida como Centro Formativo Acreditado por CENATIC segundo vos informamos o pasado mes.

No seu proceso de constante mellora e expansión de negocio na liña de formación en software libre, Tegnix anuncia unha nova oferta de emprego pola que busca cubrir diversas prazas de docentes especialistas en software libre, así como comerciais e responsables de negocio. Segundo nos informan dende Tegnix, as vacantes existentes irase actualizando no seu portal, na sección "Traballa con nós".

Todas as persoas interesadas nalgún dos postos deben enviar o seu curriculum por correo electrónico en formato estándar ISO, como pode ser ODF ou PDF, ao enderezo rrhh @ tegnix . com ou ben ao enderezo postal de Tegnix:

C.T.I TEGNIX, S.L.
Rúa Uruguay, nº8, planta 5ª, Oficina 8
36201 Vigo – Pontevedra (España)
Telf. (+34) 886 122 307

Prazas de docentes especialistas en Software Libre

Co obxectivo de ampliar a súa oferta formativa abren unha nova convocatoria de equipos docentes ofrecendo toda a infraestrutura e procedementos necesarios para alcanzar o éxito da actividade docente.

Vacantes

  • 2 docentes especialistas en Ruby
  • 2 docentes especialistas en Programación paralela/distribuída (MPI, OpenMP, OpenCL…)
  • 2 docentes especialistas en Cloud con Software Libre (ownCloud, OpenStack, Cloud4all…)
  • 2 docentes especialistas en NodeJS
  • 2 docentes especialistas en Big Data (Hadoop…)
  • 2 docentes especialistas en Desenvolvemento de Proxectos en Software Libre
  • 1 docente especialista en RedHat/CentOS

Admítense outras especialidades que poidan acreditar un mínimo éxito de convocatoria, sempre compartindo beneficios e riscos.

Requisitos

  • Experiencia Laboral Polo menos 1 ano en docencia, 2 anos na especialidade técnica á que se aspira.
  • Nivel de estudos mínimo diplomatura ou ciclo superior técnico, ideal enxeñaría ou doctorado en informática ou telecomunicacións.
  • Imprescindible seriedade xunto a unha actitude responsable, comunicativa, transparente e unha didáctica con enfoque práctico.
  • Idiomas Inglés nivel B1 de inglés técnico ou similar, é dicir, facilidade para ler documentación e interpretala correctamente
  • Contrato inicialmente mercantil con retribución mensual sobre porcentaxe en ingresos xerados. Posibilidade de ingresar en plantilla con contrato indefinido en función do éxito alcanzado na primeira fase formando parte tamén do equipo técnico da empresa.
  • Xornada Laboral Indiferente 1 ou 2 horas diarias, con horario a consensuar.

Responsables de desenvolvemento de negocios

Segundo recollen na súa oferta, o perfil corresponde a unha persoa interesada en desenvolver a súa carreira profesional nunha contorna tecnolóxica, comprometida á vez coa ética, comunicativa, convincente, comercial, afeita a levar a cabo negociacións a distintos niveis e que conte con sólidos coñecementos informáticos. A persoa seleccionada deberá posuír capacidade de traballo cunha orientación a resultados e rendibilidade, con autonomía e responsabilidade e capaz de asumir riscos e que se atope cómoda traballando nun entorno técnico.

Se o perfil técnico da persoa é elevado tamén poderá integrarse no desenvolvemento de solucións e se posúe aptitudes didácticas e interese na formación tamén podería integrarse na oferta formativa.

A cambio, ofrécenlle a posibilidade de participar na expansión do proxecto, traballando cun equipo de persoas comprometidas coas tecnoloxías libres e os seus beneficios para a sociedade.

Requisitos

  • Experiencia Laboral Polo menos 2 anos como comercial
  • Estudos mínimos Superiores. Valoraranse estudos de posgrao en técnicas comerciais e de venda, MBA ou similares.
  • Requisitos mínimos Idealmente Enxeñería Superior Informática ou Telecomunicacións, aínda que non descartan candidaturas doutras carreiras e niveis. Dispoñibilidade para viaxar a nivel nacional. Valorarase experiencia comercial en contornas técnicas de enxeñería.
  • Idiomas Inglés a nivel técnico e, valorable, galego normativo.
  • Software Ofimática (mínimo), nivel de uso de Software Libre ou idealmente experto en Software Libre.
  • Imprescindible seriedade xunto a unha actitude responsable, comunicativa e transparente, en sintonía co espírito da empresa
  • Contrato Inicialmente mercantil con comisións moi elevadas. Indefinido se a valía é contrastada tras un período de proba.
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal