Telegram é un aplicativo de mensaxería para móbil que está tendo nos últimos días unha importante presencia en prensa, tanto en medios xeralistas como en prensa especializada. En España é xa un dos cinco aplicativos máis descargados na Play Store de Google e na App Store de Apple (a primeira na súa categoría entre as gratuítas).
Telegram ofrece un servizo similar ao ofrecido por outros populares aplicativos como Whatsapp ou Line. As principais diferenzas con eles son por un lado a seguridade das comunicacións, que as mensaxes poden almacenarse na nube, que é software libre e que é un proxecto sen ánimo de lucro e polo tanto gratuíto e sen publicidade.
Os creadores de Telegram, os irmáns Durov, comezaron a traballar no proxecto hai case dous anos, co obxectivo de desenvolver algo realmente seguro e divertido. O proxecto tomou notoriedade a raíz das revelacións de Edward Snowden sobre a vixiancia que a NSA fai a millóns de usuarios a través do programa PRISM.
Seguridade e software libre
As mensaxes que se envían entre os usuarios de Telegram son cifradas mediante un protocolo de comunicación público e aberto, chamado MTProto. Ao ser aberto calquera pode analizalo e estudalo amplamente e polo tanto aumenta a posibilidade de atopar posibles problemas de seguridade e ao tempo de solucionalos mais rapidamente.
De feito, Pavel Durov, ofrece 200.000 $ en BTC para aquela persoa que sexa capaz de descifrar a mensaxe que lle envía diariamente ao seu colega Nick. O prazo remata o 1 de marzo de 2014. En decembro, un hacker ruso atopou unha posible vulnerabilidade que xa foi solucionada. Aínda que esta vulnerabilidade non lle permitiu gañar o concurso, si o fixo merecedor dunha recompensa de 100.000$, que din que doarán tamén a calquera outro hacker que atope novas vulnerabilidades no protocolo.
Ademais, proporcionan a posibilidade de realizar o que denominan chats segredos, que permiten manter conversas entre dous dispositivos sen que as mensaxes sexan almacenadas no servidor de Telegram, tan só nos dous teléfonos que están interactuando. Neste caso, mesmo é posible configurar para que as mensaxes se borren de ambos dispositivos logo dun tempo de que sexan lidas.
Por outra parte, os desenvolvedores teñen publicado tamén con licenza libre a API de comunicación co seu servidor, polo que é posible que calquera desenvolva aplicativos para poder empregar o servizo non só dende o noso móbil (sexa Android, iphone, windows phone) senón tamén dende o noso computardor ou tablet. De feito son moitos xa os aplicativos para empregar Telegram en distintos dispositivos, todos eles con licenza libre:
- Telegram para Android
- Telegram para iOS
- Telegram para o navegador web, Webogram
- Telegram para a liña de ordes en GNU/Linux, Telegram CLI
- …
Todos estes aplicativos, ademais de libres, son tamén gratuítos, co que podemos instalalos e probalos sen custe algún.
Outra diferencia respecto da competencia, é que as mensaxes intercambiadas, agás no caso dos chats segredos, quedan almacenadas na nube, concretamente nos servidores de Telegram, de forma que poden ser vistas por quenes as intercambiaron dende calquera dos dispositivos cos que se conecten a Telegram (móbil, tablet, navegador web …)
Quen está detrás de Telegram
Detrás de Telegram están os irmáns Durov, responsables de VK, a versión rusa de Facebook (228 millóns de usuarios, 200 traballadores e uns ingresos de 172 millóns de dólares en 2012). Pavel está detrás da parte económica e ideolóxica do proxecto, mentre que Nikolai está detrás da parte tecnolóxica.
Nunha entrevista feita a Pavel Durov preguntábaselle porque non teñen liberado todo o software, concretamente o do servidor. Pavel respondía que o código fuente de todos os aplicativos é 100 % libre mais o do servidor vano ir liberando gradualmente de aquí a fin de ano. “Temos aberta a parte de clicente de maneira que calquera poida tirar proveito da nosa tecnoloxía na nube. Desta forma calquera pode cambiar o deseño de Telegram, abrilo a máis sistemas operativos, idiomas, ferramentas, etc.”
”Telegram é diferente a outros proxectos de software libre como Jabber que nos permiten montar o noso propio servidor Jabber usando o código fonte do servidor. A principal razón pola que Telegram é diferente é porque se trata dun servizo unificado na nube, que non serviría para nada se todo o mundo empezara a crear as súas propias nubes de Telegram, o que suporía que ninguén podería comunicarse entre nubes diferentes e que podería levar á desaparición do proxecto.
Para solucionar isto habería que redeseñar a arquitectura do proxecto e permitir que os servidores independentes e externos poidan interactuar e intercambiar datos, actuando como unha soa nube. Aínda que isto é teoricamente posible require unha gran cantidade de traballo e podería supoñer unha reducción na velocidade de resposta e na seguridade.”
Na páxina das FAQs do proxecto podedes atopar resposta a numerosas preguntas relacionadas co funcionamento deste aplicativo.
