O Ministerio de Xustiza de Finlandia, as súas oficinas estatais de asistencia xurídica, os xulgados, as súas prisións … constitúen unha proba científica das vantaxes do código de fontes abertas e dos estándares abertos. Martti Karjalainen, Xefe Analista de Sistemas do Ministerio que liderou o proceso de migración, estudou unha das maiores transicións a código de fontes abertas en Europa e chega á conclusión de que unha migración a gran escala a unha suite ofimática de código aberto é factible, resultando ademais en beneficios substanciais e incluíndo aforros de custes.
Karjalainen, recibiu o seu doutoramento o 15 de outubro, sobre a base da súa tese sobre a migración do Ministerio de Xustiza Finlandés a OpenOffice, unha suite de ferramentas de produtividade de oficina de código aberto, e a ODF, o estándar aberto para os documentos ofimáticos.
O ministerio finlandés comezou a migración parcial a OpenOffice e ODF en 2007 aínda que o estudo de viabilidade e definición do proceso remóntase ao ano 2003. Karjalainen na súa tese compara con gran detalle os custos de dúas solucións ofimáticas privativas a alternativa de código aberto, incluíndo unha desagregación do tipo de problemas dos usuarios recibidos no servizo de asistencia de TI. O seu estudo mostra que o cambio ao código aberto supón un aforro considerable, mesmo se se inclúen os custos de licenzas, mantemento e formación, durante un período de seis anos. A migración en última instancia custou 1,9 millóns de euros, menos dun terzo de pasar á solución privativa máis frecuente (6,8 millóns).
A contorna de TI do ministerio abarca ao redor de 12000 estacións de traballo e conta con preto de dez mil empregados. A migración realizada foi parcial, mantendo unhas 1500 licenzas de Microsoft Office por necesidades de compatibilidade cos aplicativos de xestión documental do goberno Finlandés. O cambio a OpenOffice e ODF precisou realizar cambios nuns 3100 modelos persoais de documentos incluídos os relativos aos formularios xurídicos, os documentos xudiciais, cartas, presentacións e faxes. O analista de sistemas recomenda que o persoal de TI responda inmediatamente ás preguntas e suxestións dos usuarios. Na tese, en base aos datos de dezaseis pilotos e de 523 adestramentos de usuarios proporcionados polo ministerio así como comparacións con outras administracións públicas que usan OpenOffice de toda a UE, mostra que para a maioría dos usuarios é suficiente un día de adestramento para adquirir as habilidades básicas no manexo da suite, contando despois cunha sistema de teleformación baseado nunha plataforma Moodle, con preguntas frecuentes, manuais de usuario, documentación de axuda …
Novo modelo para a innovación
Karjalainen conclúe que o código aberto cambia o proceso de innovación organizacional. Debido ás licenzas deste tipo de software é libre, é posible instalar o software antes de que se complete a análise do problema. "Existe a posibilidade de poder facer unha instalación temperá, por exemplo, en situacións nas que se compran unha gran cantidade de estacións de traballo ou se volven instalar durante o período de análise. Isto significa que a construción do modelo de negocio e a fase piloto poden fusionarse coas actividades de implementación." Nestes casos, para evitar problemas debidos a experiencias negativas, é recomendable combinar as instalacións "coas actividades de formación para apoiar aos usuarios dispostos a probar o novo software".
Fonte: OSOR
