Mancomún

Trasno actualiza a súa lista de memorias de tradución inglés-galego

Luns, 19 Agosto 2013

Logo de TrasnoDende o Proxecto Trasno informan que unha vez máis veñen de realizar un esforzo de actualización da súa lista de memorias de tradución en formato estándar TMX (Translation Memory eXchange). Este compendio lingüístico mantido por este grupo de voluntarios recolle a data de hoxe máis de 8.500.000 palabras.

Estas memorias que Trasno pon a libre disposición de todas aquelas persoas interesadas, e das que xa vos temos falado noutras ocasións, corresponden tanto a traducións de software libre realizadas polo proxecto Trasno, como por outros colectivos e institucións alleas a Trasno.

Nesta nova actualización ademais de incluír memorias de novos proxectos actualizáronse tamén algunhas memorias de proxectos que xa figuraban na lista. Agora mesmo esta recompilación inclúe máis de 250 ficheiros TMX que recollen máis de 8.500.000 palabras e aproximadamente 1.500.000 cadeas, o que moi probablemente converte a esta compilación de traducións de software libre ao galego na máis extensa que existe a día de hoxe. Cómpre destacar que unha importante plataforma de consulta de traducións en liña fai uso destas memorias de tradución fornecidas por Trasno o que permite que o as principais traducións ao galego poidan ser consultadas por calquera persoa do mundo dun xeito moi doado.
Segundo informa Trasno, continuarán a ampliar no futuro esta lista de memorias de tradución, incorporando traducións doutros proxectos de software libre, así como versións máis actualizadas das memorias xa existentes.

Esta achega de Trasno supón un importante compendio lingüístico e unha gran axuda para a realización de novas traducións. Estas memorias poden ser empregadas en programas de asistencia á tradución por computador (Computer Aided Translation) de xeito que á hora de realizar traducións de novos proxectos o programa pode ofrecernos posibles traducións en función dos textos semellantes xa traducidos anteriormente. Ademais contan cun valor engadido ao empregar o formato estándar aberto TMX, o que supón que non dependemos da necesidade dun software concreto para o emprego das mesmas.

Ademais, son unha excelente ferramenta para o asentamento terminolóxico na nosa lingua. Dispoñer desta base de traducións tan ampla facilita que a creación e asentamento de terminoloxía sexa máis fácil e rápida o que permite obter terminoloxía de maior calidade. Dita terminoloxía publícase tamén na páxina de recursos terminolóxicos do Proxecto Trasno en formato TBX (TermBase eXchange) de forma libre para que a empreguen todas aquelas persoas interesadas.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal