Mancomún

Trasno anuncia a publicación de OpenOffice 3.2.1 en galego

Martes, 8 Xuño 2010

Dende Trasno infórmannos da publicación dunha nova versión menor de OpenOffice.org, nomeadamente OpenOffice.org 3.2.1.

Logo de OpenOffice.org Esta versión non incorpora novas funcionalidades sobre da versión 3.2, publicada en febreiro deste ano, senón que fundamentalmente supón corrección de erros e solución de problemas de seguridade. Esta versión é a primeira en ser lanzada co novo patrocinador do proxecto principal, Oracle, polo que trae un logotipo actualizado e unha nova pantalla inicial.

Polo que respecta á tradución ao galego, tamén se trata da primeira versión que se publica dende que o lingüista Antón Meixome, membro fundador da asociación proxecto Trasno, asumiu a coordinación da tradución ao galego de OpenOffice.org.

Para os que non queiran agardar a que a súa distribución Linux actualice os paquetes correspondentes a OpenOffice.org poden descargalos e instalalos directamente seguindo as ligazóns de descarga da web de coordinación da tradución ao galego de OpenOffice.org.

Tamén hai dispoñibles capturas de pantalla desta versión en galego no flickr de Trasno.
Revisión da tradución

Segundo a información publicada na nova en Trasno, tanto o aplicativo como a axuda están en proceso de ampla revisión co obxectivo de ofrecer unha tradución o máis completa posible e coa máis alta calidade. Xa nesta versión comezaron a aplicarse os avances terminolóxicos consensuados pola comunidade de tradución ao galego así como unha homoxeneización interna global. Esta homoxeneización facíase necesaria logo de 4 anos no que se veu mantendo o OpenOffice.org en galego, dende que no 2006 se publicou a versión 2.0 100% en galego, tanto na interface como na axuda.

Durante estes catro anos, as distintas vagas de tradución realizadas, nos curtos períodos de tempo marcados por OpenOffice.org para o envío das mesmas, non permitían propagar de maneira fiable á tradución completa do aplicativo, os cambios nos consensos terminolóxicos que se ían producindo (ventá/xanela, pegar/colar, …) aínda que si se ían aplicando nas novas cadeas traducidas.

OpenOffice.org 3.2.1 ten pois unha tradución en curso de mellora que o equipo de tradución agarda que culmine coa futura versión 3.3, prevista para este outono.

O proxecto de tradución precisa máis voluntarios.

Como en calquera proxecto de traballo en comunidade, canto maior sexa esta, máis e mellores serán os resultados. Así, o proxecto de tradución ao galego de OpenOffice.org precísavos!

Hai moitas maneiras de colaborar (tradución, probas, difusión, formación, etc.). O proxecto de galeguización está aberto a calquera que teña interese en colaborar, para iso non dubidedes en pasarvos pola páxina do proxecto (blog.openoffice.gl), onde poderedes contactar directamente coa coordinación do equipo de tradución para involucrarvos no proxecto.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal