Mancomún

Trasno celebra a Trasnada 16.0

Luns, 6 Xuño 2016

Logo de TrasnoDende o Proxecto Trasno anuncia que retoman as súas “Trasnadas” coa celebración da Trasnada 16.0. Desta volta celebrarase na sede da FANPA en Pontevedra quen lles cedeu unha sala onde poder traballar. A data para este encontro será o sábado 18 de xuño a partir das 10:30 horas.

Para quen non coñeza aínda as Trasnadas, trátase basicamente de reunións presenciais de debate e asentamento terminolóxico. É dicir os asistentes adícanse a pechar debates sobre terminoloxía en tradución de software libre, debater novos eidos de traballo, pero especialmente, a recibir aos que queiran comezar a traducir software libre ao galego.

O programa desta Trasnada, terá ademais como novidade, un espazo reservado para traballar na creación do Manual de estilo para a tradución de software libre.
Esta Trasnada terá como sempre unha sesión de traballo para lograr acordos e planificar o futuro dos proxectos de localización nos que traballan dende o Proxecto Trasno (ie., dende Debian, GNOME, KDE a LibreOffice). Como noutras ocasións o tema de debate fundamental será a actualización das normas de estilo e a terminoloxía neste ámbito da tradución, buscando producir traducións de calidade.

Ademais adicarán tamén tempo á creación do manual de estilo para a tradución de software libre.

Creación do manual de estilo para a tradución de software libre

Proxecto Trasno ten previsto para este ano elaborar un pequeno manual de arredor de 30 páxinas para cubrir a carencia de materiais de referencia das persoas voluntarias e profesionais da tradución, co fin de lograr un “xeito” de tradución homologable e homoxéneo. Un dos obxectivos deste manual será ofrecer unha fixación para os problemas máis correntes que permita aos novos tradutores incorporarse con garantías de calidade nos grandes proxectos de tradución ao galego de software libre.

A participación neste encontro está aberta ao público, sen necesidade de ser membro da asociación Proxecto Trasno.

Estas actividades forman parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolve ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e incluídas no Plan de Acción de Software Libre da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal