Mancomún

Trasno celebra unha nova xornada de debate terminolóxico en Pontevedra: a Trasnada 14.0

Xoves, 20 Novembro 2014

Imaxe da campaña de captación de voluntarios para TrasnoLogo da organización do I Encontro Ibérico de Tradutores de Software Libre a Linguas Minorizadas, celebrado o pasado mes de outubro, cuxas principais conclusións e demandas foron a necesidade de maior apoio institucional e o relevo xeracional, Trasno retoma as súas clásicas Trasnadas.

Así o vindeiro sábado 22 de novembro celebrarase a oitava trasnada, a Trasnada 14.0. Desta volta celebrarase no “Centro Social do Gorgullón” en Pontevedra, grazas á colaboración da Asociación Veciñal Eduardo Pondal.

Estas xornadas non só están abertas aos membros do proxecto Trasno, senón que son un espazo público ao que se pode achegar quen queira coñecer o proxecto ou saber como se pode colaborar con eles.
Programa

A sesión da mañá comezará as 10.30 e durará ata a 14.00. Está destinada por unha parte á celebración da asemblea da asociación e por outro a todos os que están no campo de localización e queiran propoñer ou debater terminoloxía a empregar.

Simultaneamente (de 12.00 a 13.00) ensinarase, a todas as persoas que se queiran achegar e coñecer o seu xeito de traballar ou iniciarse como colaborador, a configurar e preparar un proxecto de tradución de software libre, ou resolver as dúbidas que poidan ter.

As Trasnadas

Para quen non coñeza aínda as Trasnadas, trátase basicamente de reunións reunións presenciais de debate e asentamento terminolóxico. Son sesións de traballo co obxectivo de axilizar e consolidar o traballo de discusión terminolóxica que día a día realizan os membros do proxecto Trasno por medio da súa lista de correo sobre da nova terminoloxía que xorde no software libre e fixala. Por outra banda sérvenlles tamén para planificar o futuro dos proxectos de localización nos que traballan (ie., dende Debian, GNOME, KDE a LibreOffice).

Este asentamento terminolóxico é unha das grandes contribucións que o Proxecto Trasno achega á normalización da nosa lingua nas TIC pois supón un gran avance de cara á homoxeneización das traducións ao galego nos diferentes proxectos de localización de software libre e por ende da súa calidade. Todos os voluntarios do Proxecto Trasno comprométense a seguir estes acordos en todas as traducións que realizan.

Participación en remoto

Dende a organización animan a asistir ao evento ou a participar no mesmo a través das redes sociais e contribuír así a esta importante tarefa.

Así todos aqueles interesados que non poidan asistir, teñen aínda a posibilidade de seguir o evento a través da rede, colaborando polas canles IRC do proxecto (#proxectotrasno en freenode). As novas que se vaian producindo iranse subindo aos perfís de Trasno nas redes sociais .

Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolve ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal