Por cuarto ano consecutivo a comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC desenvolverá o IV ETSE Open de SL / Fiadeiro de localización de Software Libre en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC e co Proxecto Trasno da man de Enrique Estévez Fernández, coordinador do equipo galego de localización dos produtos de Mozilla e Antón Méixome, lingüista e coordinador do equipo galego de localización de OpenOffice e LibreOffice.
Como nas 3 edicións anteriores o obxectivo deste fiadeiro é promover o uso e coñecemento do software libre e da lingua galega na comunidade universitaria da USC a través da localización ao galego de aplicativos libres.
O ETSE está aberto a toda a comunidade universitaria da USC: alumnado, PDI e PAS, e é de carácter gratuíto. Conta con 24 prazas e para todos aqueles interesados xa está aberto o prazo de matriculación ata o vindeiro 15 de abril a través da Secretaría Virtual da USC.
O fiadeiro constará dun total de 15 horas, divididas nunha primeira parte de formación teórica-práctica onde o profesorado explicará como se localiza software dun xeito moi práctico o que dará pé a explicacións e resolución de dúbidas; e unha xornada de localización e lecer de 9 horas continuadas , onde os asistentes poñerán en práctica por parellas todos os contidos aprendidos traducindo conxuntos de cadeas destes aplicativos:
- Universal Subtitles. Aplicativo en liña para subtitular vídeos (9092 palabras)
- Axuda en liña do Impress de Libre Office (14 pequenas páxinas con 250 palabras cada unha)
- BlueGriffon. Editor de html e páxinas web, herdeiro da familia de editores de Mozilla como Kompozer, NVU, etc.(6000 palabras)
O fiadeiro terá lugar na Aula I.5 da ETSE, no Edificio do Monte da Condesa (Entrada pola rúa Xoaquín Díaz de Rábago, fronte ao Estadio de Atletismo) os días:
- Xoves 19 de abril, de 12:00 a 14:30 (Formación)
- Xoves 26 de abril, de 12:00 a 14:30 (Formación)
- Sábado 28 de abril, de 10:00 a 19:00 (Xornada de localización e lecer)
O sábado 28, dado que se trata dunha actividade continuada desde as 10 ata as 19 horas, haberá petiscos, bebidas e música para facer descansos a media mañá e a media tarde. Haberá tamén un lixeiro xantar común ofrecido pola organización.
Recoñecementos e premios
- 1 crédito de libre configuración curricular para todas as titulacións de 1º e 2º ciclo.
- Está solicitado o recoñecemento como competencia transversal para os graos
- Diploma de asistencia á actividade (por 15 horas). Haberá controis de asistencia en todas as sesións. Cómpre acreditar a asistencia ao 80% das horas.
- Constancia da experiencia de tradución da aplicación encomendada.
- Constancia nos créditos do aplicativo localizado dos seus autores ou autoras.
- Premio “Máis e mellor” para o equipo que traduza máis cadeas e con mellor calidade: un diploma acreditativo e unha dotación económica de 0,10 euros por palabra única traducida correcta. O premio farase público no mes de maio de 2012.
