Mancomún

Trasno organiza a Trasnada 11.0 en Ourense o 28 de maio

Xoves, 19 Maio 2011

Se onte vos dabamos conta dos logros da comunidade de tradución de Ubuntu ao galego e emprazábamos aos interesados en aprender a traducir software libre ao noso idioma a próximas convocatorias, aquí tedes a vosa oportunidade.

Logotipo de TrasnoA asociación Trasno vai celebrar o sábado día 28 de maio a Trasnada 11.0 na Casa da Xuventude de Ourense, dando así continuidade ao I festival de tradución de software libre ao galego; Trasnada 10 celebrado o pasado ano en Ordes.

A Trasnada pretende reunir a todos os tradutores de software libre ao galego para darlle un empurrón aos distintos proxectos de localización que xestionan, mellorar a súa coordinación así como tomar decisións para o futuro. A xornada comezará ás 9:30 coa asemblea xeral ordinaria da Asociación Proxecto Trasno dirixida aos socios da mesma. Dende as 12:00 ata as 19:30 terá lugar a verdadeira xornada de tradución aberta ao público.
Así ás 12:00 horas celebrarase unha sesión de debate terminolóxico para seguir avanzando nos consensos que se aplicarán nas traducións. A este debate están chamados todos os tradutores de software libre e aqueles interesados que poidan achegar coñecementos no tema. En paralelo, e nun segundo espazo para non interromper o debate terminolóxico, que será de libre acceso para o público xeral, realizaranse actividades de promoción e formación en tradución de software libre.

A primeira hora da tarde, ás 17:00, terá lugar un relatorio na que se conmemorarán os 11 anos de Proxecto Trasno, repasarase a súa historia e exporanse os logros en tradución feitos este último ano.

Ás 18:00 terá lugar un curso rápido de formación en tradución de software libre, que permitirá aos asistentes adquirir as suficientes nocións como para comezar a participar no proxecto. O evento clausurarase ás 19:30.

Independentemente da axenda da xornada, calquera pode achegarse en calquera momento ao evento e coñecernos de primeira man.

Dende o proxecto Trasno informan que nos vindeiros días iranse debullando os detalles da xornada así coma algunha que outra sorpresa para os asistentes.

Sen dúbida esta será unha boa oportunidade para achegarse a esta gratificante actividade, a tradución de software libre ao galego, e unirse á comunidade de voluntarios de tradución de software libre ao galego que día a día poñen o seu esforzo e traballo voluntario e altruísta para contribuír a incrementar a presenza do galego nas TIC, e grazas aos que a día de hoxe é posible dispoñer en galego de aplicativos como Firefox, Thunderbird, OpenOffice.org, os escritorios GNOME e KDE ou distribucións como por exemplo Ubuntu entre outros moitos. Todos os interesados en aprender a traducir software só precisan levar os vosos computadores e ganas de pasar un día agradable.

A Trasnada forma parte das actividades que Trasno realiza co financiamento da Xunta de Galicia a través do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.

Fonte: Trasno

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal