Coincidindo coa celebración da Trasnada 11.1 en Vigo, Trasno fixo públicas as conclusións do Xurado dos Premios aos mellores PFC de desenvolvemento en aplicativos libres para a localización (l10n) así como o gañador do Premio, D. Leandro Regueiro Iglesias.
O Xurado estivo composto por:
- D. Oscar Diaz Fouces é profesor titular do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo. Dirixe o Grupo de Estudos das Tecnoloxías Libres da Tradución.
- D. Iván Area Carracedo é profesor titular do Departamento de Matemática Aplicada II. Foi vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo. Foi coordinador do Proxecto Ronsel.
- D. Felipe Gil Castiñeira é profesor titular do Departamento de Enxeñaría Telemática na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Ata o ano 2010 foi coordinador do equipo de tradución ao Galego de Ubuntu.
- D. Roberto Vieito Raña, designado pola Oficina de Coordinación FLOSS en delegación da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación da Xunta de Galicia.
Actuou como Secretario do mesmo, sen voz nin voto:
D. Miguel Anxo Bouzada, na súa calidade de Vicepresidente da «Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno»
Declaración dos gañadores dos Premios
Por unanimidade do Xurado, declarase gañador do primeiro «Premio ao mellor PFC de desenvolvemento en aplicativos libres para a localización (l10n)» dotado cunha contía de 600€, ao único proxecto presentado, correspondente a:
- Título do proxecto: «Desenvolvemento de aplicativo para a discusión colaborativa de terminoloxía utilizando tecnoloxías Web 2.0 e a infraestrutura de desenvolvemento web Django»
- Nome e apelidos do autor: Leandro Regueiro Iglesias
- Datos do director do proxecto: David Cabrero Souto
Por non teren sido presentados máis proxectos declarase deserto o segundo premio dotado cunha contía de 400.00€.
Pódese descargar a acta completa en formato PDF, coa marca de auga da sinatura electrónica
Esta actividade forma parte das actividades que a Asociación Proxecto Trasno realiza co financiamento da Xunta de Galicia a través do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.
